fbpx
Castro das Barreiras / foto Castro das Barreiras

A arqueoloxía máis alá da política: dúas escavacións nun ano con dous gobernos diferentes

Tempo de lectura: 3 min.

O pobo de Vimianzo está a apostar polo Castro das Barreiras. Non pode entenderse doutro xeito. Xa que neste mes de setembro está a desenvolverse unha nova campaña de escavacións no xacemento de Ogas. É de feito a segunda de este 2019, e aínda que só será escavada unha pequena parcela, a nova campaña supón un novo paso adiante para completar o traballo xa desenvolvido no ano 2018 e no inverno deste 2019.

Isto é xa un fito dentro da arqueoloxía galega. Pois non é para nada habitual que para un castro galego se atope financiamento e vontade política para desenvolver unha sucesión de campañas tan achegadas no tempo como as que está a ter as Barreiras. É, ademais, especialmente singular se temos en conta que as dúas campañas deste ano foron desenvolvidas por consistorios de cores políticas diferentes.

Castro das Barreiras / foto equipo arquolóxico

E é que no mes de marzo deste 2019, o goberno municipal do nacionalista Manuel Antelo promoveu unha campaña para completar a desenvolvida o ano anterior, e que deixara á vista varias vivendas e parte da muralla. Porén, neste setembro, o novo consistorio, a cargo da socialista Mónica Rodríguez, deixou ver o seu compromiso real por continuar o traballo, coa financiamento dunha nova campaña.

Un esforzo sen axuda externa

Nos dous casos as campañas estiveron integramente financiadas polo Concello de Vimianzo, sen axuda económica doutras administracións. Neste caso contouse cun orzamento de 15.000 euros, aprobado por medio da modificación de crédito no último pleno. A cantidade semellante ás comprometidas nas campañas de 2018 e no inverno de 2019, afrontadas tamén a cargo da administración local.

Un borde de cerámica descuberto no castro das Barreiras, en Vimianzo / foto equipo arqueolóxico

A campaña comezou o pasado 16 de setembro e desenvolverase ata comezos do vindeiro mes. As obras estarán, unha vez máis, dirixidas polo arqueólogo Ángel Concheiro, quen leva xa dende o ano 2010 á fronte do proxecto. Preténdese converter o Castro das Barreiras nun verdadeiro equipamento cultural, e, co tempo, poder deixar polo menos a metade do castro ao descuberto.

Un pobo implicado

Dúas campañas nun ano e con dous gobernos de cores políticas diferentes dan conta do verdadeiro compromiso do Concello de Vimianzo con este xacemento. Mais, como poñía de relevo Ángel Concheiro nas redes sociais, dan conta moito máis do entusiasmo de todo o pobo coa escavación. E é que as xentes da Costa da Morte están a ser este os verdadeiros protagonistas.

O pobo está “encantado de que os arqueólogos volvan”. E estes trataron de facer co seu traballo que o castro se convertera nun verdadeiro libro aberto ó aire libre. O traballo estivo enfocado dende o principio, tanto polo equipo como polo Concello, como un elemento de dinamización cultural e turístico. Tratouse de ir pouco a pouco desenterrando o xacemento pero tamén ensinándoo.

Así, todas as campañas estiveron enfocadas, xunto ó traballo arqueolóxico, a un importante traballo de divulgación, con visitas guiadas polos propios arqueólogos e explicacións in situ dos achados que ían aparecendo. Mais esta dinámica contou co feedback completo das xentes da comarca, interesadas, participativas e comprometidas con dar a coñecer as singularidades do que pode ser un dos máis importantes xacementos soneiranos.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...