Francisco José de Caldas, o "Sabio Caldas", un científico, xeográfo, botánico e divulgador galego que defendeu a independencia de Colombia / eltiempo.com

Galicia estreita lazos con Colombia grazas ao “Sabio Caldas”, un dos heróes galegos da súa independencia

Tempo de lectura: 2 min.

É pouca coñecida en toda Galicia a figura de Francisco José de Caldas (1768-1816), científico ilustrado autodidacta e polifacético, nomeado hai tres anos Fillo Adoptivo do Concello de Caldas de Reis por ser o seu orixinario da vila galega.

Máis alá desta vila e desta comarca as fazañas de Francisco José de Caldas son pouco coñecidas en Galicia, pero non en Colombia, onde é considerado unha das súas grandes personaxes históricas. E o certo é que este enxeñeiro militar e científico é unha figura fundamental no desenvolvemento científico do estado americano e tamén é un prócer da independencia de Colombia en 1819 por ter sido executado uns anos antes, na “reconquista” dese territorio polo exército español tal e como xa publicou Héitor Picallo nunha ampla reportaxe no HdG.

É unha personaxe moi querida en Colombia, e por iso é coñecido como o “Sabio Caldas”. Licenciado en Dereito, foi botánico, astrónomo, físico, xeógrafo, cartógrafo, enxeñeiro militar e editor dunha revista de divulgación científica, o Semanario del Nuevo Reino de Granada. En Ecuador estudou case 5.000 plantas, levantou planos de moitos territorios e dirixiu o primeiro Observatorio Astronómico de América, o de Santa Fe de Bogotá. O seu traballo como editor, aínda que breve, tamén foi moi destacábel.

Foi nos últimos anos cando a figura do Sabio Caldas está comezando a coñecerse máis en Galicia e, en parte, grazas aos vínculos que o territorio de Caldas, en Colombia, comezou a tecer en materia cultural con Galicia, afianzados pola irmandade entre o Concello de Caldas de Reis e o municipio de Villamaría, no propio Departamento de Caldas, que ten ese nome en honor á figura de Francisco José de Caldas.

Actividades da AELG

Froito desta relación a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) estará presente na Feria Internacional del Libro del Eje Cafetero, unha das máis relevantes daquel país, na cidade de Pereira.

Esta feira é unha iniciativa de varias institucións culturais e empresariais do Departamento de Caldas, en Colombia, á que foi convidado Cesáreo Sánchez Iglesias en calidade de presidente da AELG. “A súa presenza permitirá definir conxuntamente con axentes culturais colombianos estratexias para facilitar o coñecemento da nosa literatura entre o alumnado dos diversos niveis educativos dese Departamento”, apunta esta entidade nun comunicado.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: