Galicia podería ter un santuario rupestre adicado á deusa da morte
No lugar coñecido como Pena Furada (Coirós, A Coruña) existe un santuario prehistórico que os arqueólogos, entre eles un dos seus principais estudosos, Antón Malde, datan no s. III a.C. O máis destacado deste espazo é o petróglifo que o preside, unha muller de esaxerada vulva á que os veciños coñecen como “A Moura” e sobre a cal se atopa unha pía cuadrangular para deixarlle ofrendas. Mais existe entorno a ela un misterio que desconcerta ós estudosos, pois certos datos apuntan a que se trata dunha Deusa da Fertilidade e outros a todo o contrario, a que é unha Deusa da Morte e do Alén. Eu opino o segundo, e se seguen lendo explicareilles por que penso que neste fascinante petróglifo se atopa reflexada unha idea ancestral, xa esquecida, sobre o concepto da Morte e o Renacemento.
A súa relación coa Fertilidade vén dada por ser o orificio vaxinal o máis destacado da representación, de feito a Moura ten as mans colocadas a ámbolos dous lados da mesma como intentando amosárnola (Alonso Romero, F.) Para moitos investigadores isto fai evidente que sexa unha representación do nacemento da vida. Sen embargo, o petróglifo está orientado ó solpor -momento simbólico asociado na antigüidade coa morte do sol e o avance das tebras, nas que habitan os espíritos- e ademais acada a súa mellor expresión por Defuntos. Para min, estes dous datos relaciónana coa Morte, penso que se se tratase dun santuario para a fertilidade a orientación sería ó amencer -o nacemento do sol, o comezo, o espertar da vida- e a representación tería uns atributos tamén máis femininos como por exemplo uns peitos máis marcados.

A Moura e a pía de ofrendas que se atopa sobre ela / Pena Furada. Foto Antón Malde
Por que está o sexo feminino tan destacado?
Entón, por que esa vulva esaxerada, amosada de xeito tan evidente? Porque, aínda que non coa procreación, co que si pode ter relación esta Moura é co sexo, pois nas antigas concepcións do mundo o Sexo e a Morte estaban intimamente relacionados. Vexamos como.
Existe unha lenda, protagonizada pola faceta Vella da Moura, que se repite tanto en Galicia coma por toda Europa: unha muller vella e noxenta, cun grande apetito sexual, que atrae ós homes á súa cova ou agocho, para manter relacións sexuais con eles e despois papalos. Un exemplo atopámolo na lenda publicada no s.XVI de OrcaVella, a cal se encerra nun sartego ateigado de serpes abrazada -nun amago de cópula- cun home que acaba morrendo. Velaquí a historia completa: http://xacopedia.com/Orcavella_leyenda_de.
O máis curioso destas lendas -a maiores do exacerbado apetito sexual dunha muller tan entrada en anos- é que tralo acto a Vella engula ós homes, é dicir, que estes lle sirvan de alimento, deixando constancia nalgunhas lendas de que a súa cova está chea dos restos óseos daqueles a quen comeu. Esta conexión entre o Sexo e a Morte a través do engulimento atópase tamén presente nun mitema estendido por todo o mundo e ó cal se referiron nos seus ensaios os grandes antropólogos da historia: a vagina dentata. Nestas lendas aparece unha divindade -sempre vella- posuidora dunha vaxina que é como unha sorte de boca, capaz de engulir ós homes ou castralos durante o acto sexual. O concepto da vaxina dentata tamén se vincula coas covas e as entradas dos volcáns, os cales se consideran a vaxina da Deusa Vella como porta de entrada ó mundo dos mortos, ó Inframundo, ó cal se accedería fornicando e sendo engulido pola Vella.
Versión mexicana
O pouco referido que está o concepto da vagina dentata á hora de analizar as lendas e mitos -agás en mesoamérica, onde recentemente se comezou a afondar nel- pon de manifesto o incómodos que nos fai sentir, coa nosa cosmovisión actual, falar da vaxina como unha boca que ha de ser alimentada e dunha Deusa que dá acceso ó Mundo dos Mortos a través dela. Sen embargo, se nos atrevemos a ir máis alá, este concepto podería ter tamén relación coas nosas lendas nas que unha fermosa Moura é vista por un home nun río ou fonte mais, á hora de bicala, ela transfórmase nunha noxenta serpe da que o home sente arrepío e fuxe sen ser capaz de consumar o acto. De feito, unha das lendas mesoamericanas asociadas á vagina dentata garda unha abraiante semellanza coa nosa:
“El cuento de la viejita” que se transformó en el volcán Chichonal, despreciada por Tumšawi, quien descubrió “dientes en su vagina”. El héroe cultural espiaba a una atractiva doncella que se bañaba en la laguna. Pronto advirtió escamas en su cuerpo, así como su cotidiana transformación de joven a anciana, en el tránsito del día a la noche, momento en que “era vieja y tenía dientes en su cosa de mujer”. A pesar de su enamoramiento, el temor a la castración inhibió el apetito sexual de Tumšawi, motivando el enojo de “la mujer encantada” que, afectada en su vanidad, provocó temblores e inundaciones, convirtiéndose en volcana” (Báez-Jorge, F.)

Pena Furada
E chegados a este punto temos que falar dun dato máis sobre o petróglifo da Moura pois, cando o contemplei en directo, unha cousa chamou a miña atención: a Moura non semella ter pernas e pés senón unha cola coma de serea -ou quizais serpe-, pois non hai ningunha liña separando ámbolos dous pés. Comprobei que non era a única que o pensaba e xa a outros investigadores lles suxeriu o mesmo (Alonso Romro, F.), unha idea que de confirmarse sería moi interesante pois entroncaría coa Moura-serpe que infunde pavor sexual ó home pola posibilidade de ser papado por ela.
Rexeneración trala morte
Moito se ten falado de que as mámoas, co seu corredor de entrada, simbolizan un útero telúrico e a canle do parto, no cal se introduce ó defunto á espera de ser de novo parido á vida; pois se a vaxina é o lugar onde nace a vida, tamén é o lugar ó que deben retornar os mortos para rexenerarse. Do mesmo xeito, moitos dos nosos rituais etnomédicos consisten en introducir ó paciente nun útero simbólico -como por exemplo ós cativos nun forno de pan tradicional- para que saia renacido e, por tanto, curado. Seguindo esta liña, quizais sexa posible que esteamos en Pena Furada ante un santuario dedicado non á Fertilidade senón á Rexeneración trala morte que no útero telúrico ten lugar. Así, cando o sol morre no horizonte e cando os defuntos abandonan este mundo, retornan á matriz primixenia da divindade, na cal rexenerarse para volver á vida paridos de novo por Ela.
BIBLIOGRAFÍA:
– ALONSO ROMERO, F. (2004): La figura de mujer del petroglifo da Pena Furada (Figuieiras, Santa Mariña de Lesa, Coirós, A Coruña). Anuario Brigantino nº 27
– BÁEZ-JORGE, F. (2010): La vagina dentada en la mitología de mesoamérica. Revista de Antropología Experimental.
– FERNÁNDEZ MALDE, A (1993): Petroglifos da Pena Furada (Figueiras, Coirós). Anuario Brigantino nº 16.
– VV.AA. (2010): La sexualidad en mesoamérica. Revista de Arqueología Mexicana vol. XVIII nº 104.
Publicado en https://tralaspegadasdavella.wordpress.com