fbpx
Fortaleza de Santigoso, a 1.300 metros de altitude, no Concello da Mesquita / Miguel Losada

O castelo de Santigoso, un dos grandes enigmas da prehistoria galega

Tempo de lectura: 6 min.

Santigoso é un recinto fortificado que se atopa a 1.300 metros de altura, en territorio de fronteira, no concello da Mezquita, confín da actual Galicia. Alí será a seguinte andaina de Rutas de Historia, un proxecto de valorización e posta en valor da historia e do patrimonio galego posto en marcha por esta web, Historia de Galicia. Un roteiro que, nesta ocasión, ademais do apoio de Abanca, conta coa colaboración do propio concello da Mezquita.

Miguel Losada, o secretario da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) será o guía nesta interesante xeira por este lugar no que se ten atopado unha espectacular muralla de até cinco metros de espesor e outros sistemas defensivos consistentes en foxos múltiples duns dez metros de fondura ou campos de pedras fincadas. Tamén teñen aparecido interesantes petróglifos e mesmo un xacemento medieval moi posterior. Todo isto é unha fermosa paisaxe e historias de fronteira é o que lles agarda a aqueles que queiran ir á Mezquita esta fin de semana. @s interesad@s en apuntarse poden ir á web de Rutas de Historia.

 

Desta volta, Rutas de Historia vai ata os confíns da Galicia administrativa. Santigoso, unha cidade prehistórica. Que é o que fai a Santigoso unha fortificación única?

Pois neste caso o que a fai única é o feito de que constitúe un dos relativamente poucos exemplos de arqueoloxía e investigación inter-disciplinar realizados nas extremas de Galicia. Ademais en moi poucas ocasións, e andado xa o século XXI, acontece que unha inmensa e monumental estrutura arqueolóxica de orixe, natureza e finalidades descoñecidas son investigadas por vez primeira. Tampouco resulta moi habitual que inda cando non hai apenas respostas para esas cuestións, organízase unha divulgación e exposición pública destes primeiros traballos, na que a investigación mesma quere presentarse humilde perante a sociedade en lugar de triunfante e provedora de respostas. Dende calquera punto de vista, a nova do descubrimento dun ben de interese tan destacado como xa se pode dicir que é este Castelo Pequeno de Santigoso, coido que merecería ter sido unha nova de moi grande alcance nos medios e inda pode selo. As persoas que veñan ó roteiro de Rutas de Historia van ser das primeiras que coñezan de primeira man un lugar que pode dar moito que falar.

Lidar do Castelo de Santigoso, no que se aprecia claramente, o sistema defensivo do castelo

Santiagoso atópase a 1.300 metros e ten outras fortificacións ao seu carón. A que se debe isto?

Pois a resposta honesta coido que debe ser que non se sabe. En moi pouco espazo xeográfico, á vista uns doutros, existen enormes recintos e outros lugares fortificados inda por investigar. Dalgún deles sábese, o comezan a saberse, algúns datos. Por exemplo, outro gran espazo amurallado moi visible dende este, resulta que ocupa o cimo dun outeiro que tivo un aproveitamento como mina de estaño. Outros fican inda dentro do enigma do por que da densidade de grandes estruturas nesta zona. Pode que o feito de que na antigüidade fose unha interface entre varios mundos, ou contextos, como da meseta Norte e as grandes rutas peninsulares maila súa relativa proximidade a unha boa vía de acceso ás costas do actual norte de Portugal tivera algo que ver. En calquera caso, estas e outras respostas están inda moi lonxe de ter unha resposta doada. Compre moita mais investigación; neste sentido esta zona é tamén un resumo da situación xeral da investigación arqueolóxica en Galicia.

Citania Arqueoloxía e Xestión do Patrimonio comezaron, co apoio do concello, escavacións no 2017. Que se atopou alí?

Si, efectivamente, é a estas dúas entidades a quen se lle debe o mérito de ter tido a sensibilidade e a solvencia técnica para botar adiante un traballo moi complicado. Ademais dos habituais atrancos loxísticos de toda caste que compre sempre resolver antes de comezar calquera intervención de semellante natureza, neste caso cumpría ser valentes; ter a capacidade e a vontade para meterse a unha investigación sen precedentes na zona e de proporcións inmensas, na que nos había datos previos ós que acollerse e respecto da que os resultados a curto prazo eran moi incertos e dificilmente transmisibles, ou vendibles, á sociedade, local ou galega, e os seus axentes e responsables. Polo de agora o que se ten atopado é unha espectacular muralla de até cinco metros de espesor e outros sistemas defensivos consistentes en foxos múltiples duns dez metros de fondura coordinados con noiros de cando menos uns catro ou cinco metros mais, o cal da un desnivel total moi considerable. Ademais o ángulo de inclinación chega a ser moi pronunciado. Varias destas parellas de foxo mais noiro rodean á muralla. Noutras zonas hai grandes e ben visibles inda, campos de pedras fincadas; inxentes cantidades de derrubes dan fe da magnificencia orixinal. Tamén teñen aparecido interesantes petróglifos e mesmo un xacemento medieval moi posterior. Outra das cousas mais interesantes resultado das investigacións realizadas é a moi baixa cantidade de materiais de calquera caste localizados a pesares das exhaustivas prospeccións e mesmo nas propias escavacións. Tamén temos recollido relatos e outros contidos inmateriais que van perfilando o contexto do xacemento. Neste sentido a grave perda de poboación na zona ten sido un dos atrancos cos que houbo que loitar.

Vista do Castelo de Santigoso, na Mezquita / Miguel Losada

E quen puido facer todo isto, mover e colocar os millóns de quilogramos de pedras necesarias para facer todo isto?

Pois sobre isto non hai tampouco unha resposta que evite novas preguntas derivadas. Non sabemos polo de agora o necesario para dicilo con precisión, mais en todo caso tivo que ser unha sociedade antiga moi ben dotada de medios humanos e técnicos. Os datos, ou mais ben a falla de datos, non permite moito mais. Compre ter en conta que ten habido apenas un par de semanas de escavacións neste ano e tres ou catro mais en total de prospeccións e outras técnicas de investigación. Quen queira que o fixera, mesmo resulta aventurado propoñer unha época da historia para elo, debeu ter un moi bo motivo para tanto esforzo e dedicación.

A Mezquita é hoxe un lugar fronteirizo. Existía tamén ese concepto de fronteira ao longo da historia?

Claramente non. A idea que poida estar operativa hoxe en día sobre que cousa é unha fronteira non ten nada que ver coas dun pasado medieval ou mais remoto. Durante milenios, entre un territorio e outro, entre unha paisaxe e outra existiron amplas áreas nas que o poder e influencia de quen controlaba os espazos xeopolíticos quedaban limitados, ou esvaecidos. Ás fronteiras non foron liñas, en xeral. Cando algún río ou outro elemento servía de referencia as cousas resultaban mais concretas, pero en realidade antigamente foron mais ben amplas e variables zonas de contacto e interacción que espazos políticos e económicos que tenden a repelerse entre si, como acontece hoxe.

E falando de fronteiras. Supoño que nesta zona conservaranse moitas historias de fronteira entre Galicia e Portugal ou entre Galicia e León, non si?

Son inesgotables as historias que inda ilustran as antigas relacións fronteirizas en toda esta parte na que Galicia e Portugal marxean. Tesouros e buscadores deles; historias do tempo do contrabando; personaxes contemporáneos e históricos que teñen xogado un rol na bisbarra; o camiño de Santiago ó seu paso por estas montañas esquecidas; os tempos das esplotacións mineiras de estaño e wolframio; o entroido e as xeografías míticas e outras formas de realidade aumentada do pasado pero tamén do presente, irán xurdindo durante o percorrido.

Petróglifo en Santigoso / Miguel Losada

Ademais de Santigoso, que máis cousas se poderán ver neste roteiro?

Pode que un dos grandes protagonistas do roteiro sexa a da amplísima paisaxe aberta. Ás enormes perspectivas son un dos atractivos dun lugar sobranceiro coma este. Mediante o relato que iremos fiando, elevados sobre a paisaxe, indicaremos unha boa cantidade doutros elementos de interese que a bo seguro que, como pouco, han de chamar á curiosidade de quen teña a ben realizar este percorrido.

Algunha recomendación especial?

Como de costume, compre acudir cun calzado axeitado para camiñar polo monte. Nesta ocasión non todo o percorrido transcorre por camiños ou pistas, senón que teremos que atravesar monte baixo e pedras. Como estaremos a certa altitude, resulta recomendable protexerse tanto da posible insolación como da friaxe producida polo vento, inda que a previsión meteorolóxica, polo de agora, é boa. Como boa parte do percorrido será nunha rampla bastante inclinada e continua, compre que a xente chegue xa mentalizada. Polo demais a ruta non esixe ter en conta un requisitos especiais. Está indicada, coido, para quen teña interese por comprobar, fisicamente, a existencia de grandes enigmas na Historia de Galicia.

Pode que che interese...