fbpx
Torre da Penela en Cabana de Bergantiños / foto Íñigo Mouzo Riobó

Unha torre medieval da Costa da Morte entra na Listaxe Vermella do Patrimonio

Tempo de lectura: 2 min.

A “única torre que se conserva das tres (ou catro) que alí se atopaban”, está en “perigo de derrube polo estado ruinoso e descoidado no que se atopa” xa que “no seu interior desplomáronse xa todos os andares”. “A escaleira de caracol está tamén en ruínas e os escudos exteriores desgastados. Abandonada“. Así o afirman na súa ficha de inclusión Hispania Nostra, a delegación española de Europa Nostra, .

E é que a institución incluía nos pasados días á Torre da Penela, unha fortificación medieval da Costa da Morte, na Listaxe Vermella do Patrimonio. Trátase dunha torre que se remonta polo menos ó século XIV, e que se atopa na aldea de Riobó, na parroquia de Silavarredonda, en Cabana de Bergantiños. Como comentamos xa noutro artigo, os maiores aínda lembran outra das torres hoxe desaparecidas.

Torre da Penela en Cabana de Bergantiños / foto Íñigo Mouzo Riobó

Décadas en ruínas e empregada como alpendre

E é que o propietario Álvaro Ozores Pedrosa, descendente dos antigos donos, mantiña dende fai moito tempo a torre en ruínas. Durante décadas fóralle cedida ós veciños para empregala como pombal ou alpendre. Así permaneceu durante anos ata que no ano 2015 o teito veuse abaixo. Quedou daquela en absoluto perigo de desaparición, e o seu dono decidiu poñela á venda.

Foi en marzo de 2018 e pola cantidade de 40.000 euros cando o Concello de Cabana se fixo con ela. Daquela o alcalde da localidade, o popular José Muíño, afirmaba que agardaba chegar a acordos para comezar unha rehabilitación antes de que rematara aquel ano. Contaba para iso coa posibilidade de acoller fondos da Xunta de Galicia ou a Deputación. Mais, ano e medio despois, non hai novas de acordo algún e a torre e esta mantense a duras penas en pé. Enfróntase agora, xa na Listaxe Vermella, a un novo inverno á intemperie.

Torre da Penela en Cabana de Bergantiños / foto Íñigo Mouzo Riobó

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...