fbpx
Vista aérea do río Ulla, co Concello de Dodro na súa parte superior / googlemaps

Unha viaxe ao Dodro agrarista e combativo: Literatura e Memoria Histórica para combater as pantasmas do novo fascismo

Tempo de lectura: 5 min.

A literatura e a historia son as protagonistas nunha das dúas andainas que teñen lugar esta fin de semana dentro de Rutas de Historia, o proxecto impulsado por Historia de Galicia e que conta coa colaboración de Abanca e, nesta ocasión, do Concello de Dodro. E é que estas terras do Ulla serán o epicentro dunha xeira que terá lugar este domingo –e para o que xa non quedan prazas– na que se combinan a historia da represión nos inicios da rebelión franquista e o patrimonio arqueolóxico, natural e paisaxístico do inicio da ría da Arousa.

Así, durante o roteiro haberá varios paneis con textos do libro “Pensa Nao” de Anxo Angueira que fan referencia ós lugares citados nesta obra. Tamén o autor estará presente para falar dos lugares nos que se desenvolve esta obra ambientada en 1935, un ano antes da Guerra Civil. Falamos con Xoán Xosé Vicente, concelleiro de Turismo de Dodro, activista cultural e patrimonial e un dos guías desta andaiana.

Rutas de Historia lévanos, desta volta, a unha andaina metade literaria, metade patrimonial. Que verán os participantes da xeira deste domingo?
Pois lugares emblemáticos da novela de Anxo Angueira, o lugar por onde escapou unha das protagonistas, María, polo monte para unirse á resistencia antifranquista do Barbanza. Nese percorrrido que fixo María veremos petróglifos que o seu mozo Amaro calcara os debuxos, o río Ulla por onde este marchou na “Pensa Nao” unha gamela descompensada… O “Castro de Mouras” que é o Castro de Bexo en realidade…

A capa de Pensa Nao, de Anxo Angueira

Entre elas, como dis, lugares simbólicos que aparecen na novela Pensa Nao, de Anxo Angueira, como Sernanselle. Que hai detrás desta vila inventada? 
Pois en primeiro lugar a aldea protagonista, Manselle, “Sernanselle” na obra de Anxo Angueira. Unha das primeiras aldeas que contaba conelectricidade xerada nun muíño, con regos de xurro soterrado baixo os empedrados da rúa, a con auga corrente nas casas. Tamén veremos varias casas de indianos, na novela a casa de Camoiras, a casa do señorito ca súas palmeiras, a casa de Roiz, a que foi cooperativa leiteira, o famoso Valo de Manselle que o fixeron eles, e que ninguén os axudou, e que foi tamén base para un libro de poesía de Anxo Angueira en homenaxe a aquela xente.

A historia conta o ambiente previo á Guerra Civil. Non cres que ultimamente están volvendo pantasmas daquela época?
Eu creo que para que non volvan as pantasmas hai que coñecer o que pasou realmente, que a xente saiba que en Manselle, e no concello de Dodro en xeral, houbo dúas cooperativas leiteiras que movían casi medio millón de litros de leite e que quedou rachado este modelo ca chegada do golpe franquista. Para que non volvan as pantasmas temos que espantalas entre todos, pero que todos se impliquen e que non queden na casa. Hai moito traballo que facer.

Como novo concelleiro de Cultura de Dodro supoño que recuperar a memoria histórica é algo importante para o novo goberno, non si?
Fundamental. No último pleno municipal aprobamos unha moción para que se cataloguen os vestixios do Franquismo no Municipio de Dodro e unha vez levado a cabo levarase a pleno para a eliminación dos símbolos franquistas e a revogación de honras e distincións. Nos somos parte damnificada do Franquismo xa que nos anos 40 un alcalde nun pleno aprobou regalar a Torre de Bendaña o Xeneral Franco e os seus restos aínda se atopan formando parte do Pazo de Meirás e tirados na súa horta. Este Pazo de Bendaña tamén tiña unha biblioteca moi importante que tamén imaxinamos se atope formando parte de Meirás. É empeño deste goberno revogar aquel acordo e se é posible recuperar polo menos a biblioteca.

Ademais, este roteiro levaranos por petróglifos e polo castro de Bexo que foi escavado pola insistencia dos veciños. De feito houbo que actuar sobre eucaliptos que puñan en perigo os seus muros. É tan perigosa esta especie arbórea para os nosos monumentos patrimoniais?
De momento aínda non foi excavado, o que fixemos coa colaboración de Verdegaia, ca Asociación Cultural Unidade Veciñal, coa Asociación de Veciños foi cortar os eucaliptos da croa noroeste que se chama Eira dos Mouros. A Comunidade de Montes da Cruz do Abelán agora co novo goberno non vai ter ningún impedimento por parte nosa, o contrario, colaboraremos con eles en todo canto lles faga falta, sempre baixo as directrices da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia e con Carlos Otero como arqueólogo director, para a eliminación do eucalipto en todo o entorno do castro. Hai que recordar que o anterior alcalde do PP interpuxo un “expediente de reposición da legalidade” despois da primeira corta e paralizou moito o proceso de eliminación do eucalipto.

E cal é a peculiaridade deste castro?
E un dos Castros mais grandes da provincia da Coruña, posiblemente o segundo despois de Elviña. As Murallas do Castro de Bexo deberon ser monumentais, porque entre a xente maior recórdase desta denominación “As Murallas” O mais impresionante son a cantidade de murallas que hai, algunhas de case tres metros de ancho. Fai uns meses descubrimos o que pode ser a entrada monumental protexida por muros laterais e murallas perfectamente visibles aínda hoxe. Hai que lembrar que nos anos 50 segundo nos dicían algúns maiores había días que había mais de 50 carros sacando pedra do castro. Cantas casas se fixeron nas aldeas de preto con pedra do castro?… A teoría dos arqueólogos é que este puido ser un castro da idade do ferro “reconvertido” mais tarde en época alto medieval en atalaia defensiva contra as invasións dos homes do norte e os sarracenos. E pola estrutura tan grande puido albergar moita cantidade de xente.

Hai algún proxecto para a súa posta en valor?
Levamos catro meses no goberno, xa temos elaboradas varias rutas e unha delas é esta “Pensa Nao” que pasa polo castro. Temos información sobre o mesmo no tríptico que temos da ruta. É un sitio perfecto de miradoiro para toda parte final do Ulla e a Ria de Arousa. Non queremos escavar un castro por escavar, faremos sempre o que nos indique neste caso o arqueólogo director da actuación, pero pensamos que unha pequena actuación arqueolóxica pódese facer no denominado “Pozo do Ouro” que ten unha lenda moi acaída….

Roteiro por Dodro, coñecendo os lugares da novela Pensa Nao, nas terras do Ulla / Xoán Xosé Vicente

Ademais de castros, petróglifos e literatura que outra cousa destacarías desta andaina?
As vistas impresionantes das Brañas de Laíño, as Veigas de Lestrobe, o río Ulla que aquí e “o mar” que dicían nosos pais e avós, o mar que traía as dornas cheas de berbirecho, os galeóns cargados de madeira e que agora solo suben unha vez ó ano na homenaxe á nosa Rosalía de Castro, os bosques de carballos centenarios, a Cruz da Abelán que é o cruceiro de capela mais antigo de Galicia, 1672 léese perfectamente no seu varal. E finalmente a aldea de Imo, unha das mais bonitas do concello e mellor conservadas, co seu Conxunto Histórico dos Hórreos da Lavandeira formado por once hórreos con orientación case todos co eixo norte-sur. Aí un autobús levará ós participantes ate o valo de Manselle onde deixaron os coches.

E algunha recomendación para os que participen nela?
E unha ruta larga, que traian roupa adecuada e calzado. Que desfruten e que pregunten. E sobre todo, que volvan a Dodro, levarán algúns trípticos con mais rutas. Non sabes como desfruta a xente de Dodro vendo camiñantes que lles preguntan e respondendo. Os de Dodro somos xente faladora!

Pode que che interese...