Coñece neste mapa interactivo as andainas, conferencias ou actividades do Día do Patrimonio
Máis de 30 entidades de defensa do patrimonio de Galicia realizarán perto de 40 actividades esta fin de semana con motivo do Día do Patrimonio Mundial que se celebra o vindeiro 16 de novembro. Coordinads pola Rede polo Patrimonio terán lugar obradoiros, debates, xornadas de divulgación e investigación, exposicións, concursos fotográficos, andainas, e diversas actividades relacionadas co patrimonio en todos os recunchos do país. As accións comenzaron o día nove é estenderánse nesta fin de semana e ao longo da seguinte.
Magostos, visitas a numerosos bens culturais do país, xornadas de divulgación, protección ou de antropoloxía, concursos escritos e fotográficos, obradoiros culturais e patrimoniais, celebración de xornadas de limpeza ou a presentación de guías didácticas sobre o patrimonio. Son algunhas das actividades organizadas por máis de 30 entidades convocadas pola Rede do Patrimonio Cultural de Galicia (RPC) para celebrar o Día do Patrimonio Mundial.
A UNESCO estableceu esa data no 16 de novembro, pero a RPC realizará actividades ao longo desta semana e a que ven. Será a terceira vez que esta entidade contribúa á visibilización do patrimonio cultural galego e das entidades que o promoven, protexen e poñen en valor, ofrecendo un calendario conxunto de actividades do tecido patrimonial e cultural de Galicia.
De feito, o pasado ano, este colectivo mobilizou tamén a numerosas entidades para celebrar un día que se converteu nunha gran xornada de reivindicación da importancia do noso patrimonio. Ademais, e tal e como aconteceu no 2018, a rede propón empregar o cancelo #DiadoPatrimonio para as as comunicacións nas redes sociais relativas aos distintos eventos convocados.
Actividades
Así, entre as actividades destacan os roteiros organizados por Historia de Galicia, Patrimonio Galego e a Asociación Monte Pindo Parque Natural este sábado dentro do proxecto Rutas de Historia.
Tamén organizarán actividades O Sorriso de Daniel, Apatrigal, Petón do Lobo, Asociación Cova Crea, Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde, Asociación Amigos do Arqueolóxico de A Coruña, Colectivo A Rula, Mariña Patrimonio, O Suido Irmandade Santo Estevi e Augas Santas.
Tamén destacan as xornadas de antropoloxía, medio ambiente e protección do patrimonio a cargo de Monte Pituco e da Sociedade Antropolóxica Galega, o informe de Buxa a Asociación Galega do Patrimonio Industrial , o encontro Museoescola de Roxin Roxal na Fundación Uxio Novoneyra, mesas redondas coa participación da Asociación Profesional de Guias de Galicia.
Conferencias e limpeza de montes
Por outra banda, tamén haberá conferencias e congresos ao redor do Patrimonio organizados por Amigos do Arqueolóxico de A Coruña e de Pontevedra e unh xornada de limpeza da man da Comunidade de Montes de Baroña, que tamén levará aos pequechos da comarca a coñecer o patrimonio e rematará cunha festa da tradición oral e gastronómica.
Outras actividades convocadas son concursos de fotografía pola Asociación cultural e pedagóxica Ponte nas ondas, e exposicións pola Asociación Lazoiro e amigos dos Palcos da Música.
Ao longo da semana tamén se realizarán obradoiros de cabazas, sombreiros e colares de entroido, de perfumes romanos a cargo da Gentalha do Pichel, da asociación Entroido de Samede, Apelón Educación. Finalmente, celebraránse tamén presentacións de material divulgativo para público xeral e alumnado en particular da man do CenarGrupo de Investigación en Educación da Universidad de Vigo e de Patrimoniogalego.net.
Toda a información, horarios, lugares e días de actividades pódese consultar na web redepatrimonio.gal, onde tamén hai un mapa interactivo e os carteis con toda e cada unha das accións da RPC.
A Rede do Patrimonio Cultural
A Rede do Patrimonio Cultural botou a andar o día 3 de xuño de 2017 nun acto celebrado no Museo do Pobo Galego no que se aprobou un documento avalado por 69 asociacións e entidades galegas relacionadas co patrimonio cultural. A día de hoxe 97 entidades conforman a Rede.
A RPC entende o noso patrimonio cultural como un dos principais activos sociais, identitarios e económicos de Galicia e, polo tanto, un recurso estratéxico para a sociedade galega contemporánea que debe ser conservado e transmitido, nas mellores condicións, ás vindeiras xeracións. Por iso, acolle a entidades que teñan por obxectivos a defensa e posta en valor do patrimonio cultural galego, tanto material como inmaterial. É un instrumento orientado a aqueles ámbitos territoriais ou sociopolíticos que resultan de difícil acceso para cada unha das entidades en particular.