fbpx
Estado ruinoso da Torre de Caldaloba / Patrimonio dos Ancares

A piques de caer o último castelo no que resistiu a familia de Pardo de Cela os ataques dos Reis Católicos

Tempo de lectura: 4 min.

A Torre de Caldaloba (ou castelo de Vilaxoán como aparece citado en antigos documentos), construída nos séculos XIII ou XIV, aínda que non é, canto a monumentalidade, a máis chamativa, si o é canto ao valor simbólico duns dos períodos que máis tinta ten verquido na Historia da Galicia medieval. Destruída durante a Revolución Irmandiña, foi reconstruída por Fernán Ares e Constanza de Castro, xenro e filla do mitificado mariscal Pardo de Cela decapitado na praza da catedral de Mondoñedo. Na torre resistiron os citados Fernán Ares e Constanza de Castro os ataques, a finais do século XV, dos Reis Católicos ata que tiveron que renderse ao podrecer a auga do alxibe. No ano 1646 aparece como propietario o conde de Fuensaldaña e vizconde de Altamira, Álvaro Pérez de Viveiro. No ano 1755 foi vendida a Gabriel María Montenegro, do pazo de Caldaloba, situado a uns poucos centos de metros.

O abandono da torre prodúcese no século XVII, con referencias documentais sobre a venta de escombros procedentes da mesma. Dende aquelas, a presenza de vexetación e a exposición aos axentes naturais contribuiu á súa deterioración. A parte superior da torre desapareceu por completo e o resto está cortado por grandes gretas verticais. Máis da metade do terzo superior desapareceu (muros posterior e laterais), incluídas as xambas e arcos da porta e ventá principais. A fábrica, no seu conxunto, presenta numerosos derrubes e gretas. A parte superior estaba coroada por ameas.

Foto aérea do estado das Torres de Caldaloba achegada por AEROSAR

Hai 30 anos acometeuse unha pequena consolidación, consistente en asegurar ventás e porta con madeira de piñeiro que está a podrecer e descravándose; na parte alta puxeron unhas pranchas para que non pasara a choiva que, como se pode ver nunha foto aérea que enviamos, xa perdeu a función. En resumo, a emblemática torre de Caldaloba, que aparece no escudo do Concello de Cospeito, está nas últimas, se non se acometen urxentes obras de consolidación, dun día para outro vai vir abaixo como nolo amosan os desprendementos que vimos constatando nos últimos anos, algúns de hai uns días, e todo isto a pesares de que foi declarada Monumento Nacional por decreto do 22 de abril de 1949, e no Inventario de Bens Culturais de Galicia aparece como BIC, figuras legais que lle outorgan o máximo grao de protección, obrigando aos propietarios a conservala, e ao Concello a denunciar ante a Xunta calquera tipo de deterioración, máis tendo en conta o perigo que supón para a integridade física de quen a visite.

Recuperación da torre

Dende o ano 2016, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares, xunto co veciño de Cospeito Óscar Rego Felpeto que leva anos loitando para recuperar a torre, mantivemos varias reunións co alcalde Armando Castosa. Durante todo este tempo, o alcalde sempre nos manifestou o seu interese para recupela, mesmo nos asegurou que tivera algunha reunión cos propietarios para tentar mercalla ou que a cederan ao Concello, e que tamén falara cos responsables de Patrimonio da Xunta de Galicia para que se involucrara na súa posta en valor. Durante todo este tempo, Óscar Rego e Patrimonio dos Ancares sempre manifestamos a nosa colaboración, dando tempo (xa se sabe como van as cousas de palacio) para que realizara todas as xestións necesarias. En reunións posteriores todo foron boas palabras, pero feitos nin un. Mais a gota que colmou o vaso produciuse hai máis de dous meses (o 3 de outubro), cando mantivemos a última reunión. O alcalde quedou en chamarnos dalí a un mes para avanzarnos as conversas cos propietarios e a Xunta de Galicia. Transcorrido o tempo fartámonos de chamalo por teléfono e deixarlle mensaxes para ver cando nos volviamos a reunir. A calada foi a resposta.

Foto dos madeiros que colocaron hai 30 anos na Torre de Caldalova ou castelo de Vilaxoán e que están a podrecer / Patrimonio dos Ancares

Ante a inacción do alcalde de Cospeito, vimos de dirixirnos á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural para que aplique a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia de 2016, que no seu artigo 51, adicado ás expropiacións, di que “é causa de interese social para os efectos de expropiación o incumprimento do deber de conservación dos Bens de Interese Cultural” e, de selo caso, sancione ao Concello de Cospeito por incumprir o artigo 3 da mesma Lei nos apartados 2b e 2c: As entidades que integran a Administración Local teñen as obrigas de “adoptar, en caso de emerxencia, as medidas cautelares necesarias para salvagardar os bens que viren a súa integridade ou valor ameazados” e “comunicarlle á Xunta de Galicia calquera ameaza, perturbación ou dano do valor cultural que tales bens sufran”.

Dende hai dous anos, o Concello de Cospeito convoca un certame de poesía para enxalzar a torre de Caldaloba, do que nada temos en contra. Pero si nos parece unha tomadura de pelo que o certame só sexa unha cortina de fume para enmascarar o verdadeiro problema, que non vaia acompañado de medidas reais para conservar este emblemático ben patrimonial. Se non se actúa con  urxencia, o certame do próximo ano será para entoar o “requiem aeterna dona eis” pola torre (“Concédelle o descanso eterno, Señor”).

Pode que che interese...