fbpx
Imaxe dunha aurora boreal

A fin da Gallaecia romana segundo as visións apocalípticas do Cronicón de Idacio

Tempo de lectura: 5 min.

Ao que fora bispo de Chaves na Gallaecia do século V, tocáronlle vivir tempos convulsos. Os  escritos no seu “Cronicón” son peza clave para coñecer, entre outros datos, a época do asentamento dos suevos na Gallaecia. Pouco se sabe da súa biografía, a súa vida transcorre entre os 390 e 469, e a súa  familia  pertencía á clase social acomodada galaicorromana da zona da Lemica Civitate da Gallaecia, lugar que corresponde na actualidade coa comarca da Alta Limia na provincia de Ourense. Na súa obra, continuación das crónicas de Eusebio de Cesarea e S. Xerome, recolle informacións históricas e novas acontecidas entre os anos 379 e o 468.  Na vida de Idacio, a chegada dos pobos xermánicos a Hispania supuña a quebra do poder establecido durante séculos polo imperio romano,  e no terreo relixioso o enfrontamento á “herexía” priscilianista  ameazaban con romper o discurso católico imposto dende as elites.

Atendendo ao seu Cronicón, estes cambios provocaríanlle un notable pesimismo que reflectía nalgunhas das súas anotacións. Para Idacio calquera época pasada era preferible a este presente, e trataría coa súa influencia política e social lograr pactos entre estas novas estruturas de poder dos suevos e os líderes galaicorromanos.

Saqueo de Roma polos bárbaros no  410″. . Joseph-Noël Sylvestre. (1840)

Xa nos comezos da súa crónica describe os tempos, ao seu ver, funestos e calamitosos que lle tocaron vivir .

“Elexido bispo inmerecidamente, e non sendo un miserable ignorante das desgrazas destes tempos, engadimos as fracturas dentro dos estreitos límites do Imperio Romano e, inda peor, dentro da afastada Gallaecia, a vergoñosa desorde eclesiástica provocada polos nomeamentos indiscriminados, a destrución da orde, a práctica desaparición da relixión do divino ensino; todo debido a desorde e confusión polo dominio dos furiosos pobos inimigos. Estas son as cousas incluídas:deixamos as que veñan para os que nos sucedan nos tempo nas que as atopen”.

Estamos ante unha visión pouco menos que apocalíptica, influída quizais polo providencionalismo existente na historiografía cristiá tardoantiga e por ver como se esvaecía o seu mundo.

Os sinais do ceu e outros prodixios que anota no seu Cronicón, e nos cales nos imos a centrar neste pequeno artigo, tiñan para o noso autor un carácter profético, signos da presenza divina no devir da historia.

Sinais e prodixios

Aparecen descritos na súa crónica 7 eclipses de Sol, 2 de Lúa , unha aurora boreal e dous cometas.
No ano 442 describe a chegada do primeiro deles e atribúelle  calamidades inminentes: “en decembro apareceu un cometa. Foi visto durante algúns meses e enviou un presaxio de praga de peste que se presentou de seguido e que se estendeu por case todo o mundo”.  Aparece este cometa na literatura astrofísica como “the great winter comet of 442” ou “442 V1”
No referente ao cometa do ano 451, concretamente o día 18 xuño, tratábase do cometa Halley, segundo o seguimento do seu período orbital. A súa reaparición prodúcese cada 75,5  anos, aproximadamente, sendo moi visible na cúpula celeste.

A aurora boreal referida é un fenómeno bastante inusual por estas latitudes e na entrada apuntada para no ano 451 lemos : “Na Gallaecia, o Sol amosa sinais de contínuos terremotos. Deste xeito na véspera das nonas de abril, martes a noitiña, o ceu tomou a cor vermella do lume e do sangue polo norte, mesturado cunhas liñas claras con aparencia de lanzas resplandecentes deformadas polo vermello ígneo. O sinal dura desde a fin do día ata a terceira hora da noite e pronto foi explicado polo seu extraordinario desenlace”.  Referir que no ano 419 por unha carta enviada a “todas partes” polo bispo de Béziers, na Occitania francesa,  temos noticia no Cronicón dunha “signa terrorífica” ocurrida nesa cidade, pero non se especifica a súa natureza.

Os terremotos

O paso do cometa Halley representado no Tapiz de Bayeux.       Século XI.

Idacio toma nota de catro terremotos, dous deles na Gallaecia, nos anos 451 e 453. O do ano 451 quere velo acompañado, a súa vez, con sinais no ceo : “In Gallecia terremotus assidui, signa in caelo plurima ostenduntur” (na Gallaecia o ceo amosa moitos sinais de continuos terremotos).

Ademais de estos fenómenos naturais, aos que o noso autor lle destina carácter providencial ou simbólico, serían de destacar outros que entrarían na categoría de prodixios : (ano 452) “En xuño en Gallaecia algunhas vilas e fatos de ovellas son reducidos a cinzas por un raio. Anacos de carne esgazada caen do ceo mesturada coa chuvia. Dous adolescentes soldados pola carne, resultan mortos. O portento dos dous nenos foi visto no conventus bracarense. Catro son recordados en León”. Referíndose aquí, segundo algúns autores, seguramente a casos de nacemento de siameses.

Peixes e grans verdes

O bispo de Chaves garda para a última entrada do seu Cronicón dous acontecementos, dos cales o primeiro resulta o máis enigmático e confuso, pero quizais o máis atractivo de todos os que se poden ler:

“Vense bastantes sinais e prodixios nalgúns lugares de Galleacia. No río Miño, aproximadamente a cinco millas do municipio de Lais, péscanse catro peixes nunca vistos dunha nova especie segundo contaron aqueles que os colleron, cristiáns e respectables, e marcados con letras hebreas e gregas, mais cos números da era en latín, 365, formando un círculo.

Gravado con peixes de simboloxía cristiá

Apenas uns meses despois, preto do devandito municipio, caeu un determinado tipo de grans tan verdes coma a herba, con forma de lentella e moi amargos. E outras cousas asombrosas que serían moi longas de contar”.

O Cronicón remata no ano 468, e é probable que debido á morte do seu autor, un home que coa súa obra deixou unha magnífica fonte de información de moitos feitos da súa época, o que non quita que apuntara para a posteridade estes prodixios dun simbolismo digno dunha interpretación que tivese en consideración as claves do pensamento do seu tempo.

Bibliografía:
Cardelle de Hartman, Carmen. Las Lecturas de Hidacio de Chaves. Notas sobre la recepción literaria en la Gallaecia del s.V.    Minerva. Revista de filología clásica. Nº6 1992
Candelas Colodrón, César. O Cronicón de Hidacio. Editorial Toxosoutos. Serie Trivium. 2004
Candelas Colodrón, César. Análisis de la figura de Hidacio a través de los condicionantes socioeconómicos, políticos y culturales de la Gallaecia del siglo V. El Cronicón. Tesis doctoral 2004. Universidade da Coruña
Acceso web : https://ruc.udc.es/dspace/handle/2183/16631

Escrito por

Divulgador

Pode que che interese...