As pinturas de Casaio, protagonistas do congreso de Neolítico da Península Ibérica | Historia de Galicia
Cova de Pala de Cabras,en CAsaio, onde foron atopadas 25 pinturas esquemáticas / Sputnik Labrego

As pinturas de Casaio, protagonistas do congreso de Neolítico da Península Ibérica

Tempo de lectura: 2 min.

Baixo o título “Mirando ao noroeste. Pintura de tradición esquemática de Pala de Cabras (Ourense)“, o grupo Sputnik Labrego xunto ao profesor Manuel Santos Estévez, da Universidade do Minho, presentarán unha comunicación no VII Congreso Internacional do Neolítico na Península Ibérica, que terá lugar esta semana en Sevilla. Nesta comunicación expoñeranse os primeiros resultados das investigacións levadas a cabo sobre o conxunto de pinturas esquemáticas descubertas en Casaio hai un ano.

“A pesar da falta de medios, e grazas á colaboración de Manuel Santos como experto en arte prehistórica, puidemos levar a cabo as primeiras análises sobre este impresionante conxunto”, afirma Carlos Tejerizo, director de Sputnik Labrego. Polo momento, e como confirma Tejerizo, puidéronse diferenciar ata 25 motivos pictóricos, que incluirían tres “ídolos oculados”, motivos moi característicos do terceiro milenio antes de nosa era e que “supoñen un dos escasos exemplos en todo o noroeste peninsular e primeiro en Galicia”.

Esta comunicación permitirá dar a coñecer estes resultados á comunidade científica, co obxectivo de intercambiar impresións e experiencias con expertos de todo o mundo sobre este tipo de representacións pictóricas. “Será unha oportunidade única para por en valor un descubrimento desta importancia”, dinos Francisco Alonso, de Estela Arqueoloxía e descubridor das pinturas, “dalgunha maneira, tamén esperamos disipar as posibles dúbidas que haxa sobre a autenticidade das pinturas. Para isto é necesario poñelo en coñecemento e debate dentro da comunidade científica”.

A investigación sobre as pinturas de Casaio non fixo máis que empezar, dinnos desde Sputnik Labrego. “Polo momento levamos a cabo as análises necesarias para ter unha primeira aproximación a este conxunto. Agora son necesarios recursos para poder realizar analíticas máis precisas e, sobre todo, protexer as pinturas”, di Carlos Tejerizo. O equipo presentou un proxecto á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, cos maiores expertos na materia, “que esperamos poida saír adiante ao longo deste ano. Un descubrimento destas características cremos que o merece”.

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: