fbpx
Foxas de tipo funerario atopadas en Coeses, semellantes as 40 que tamén se atoparon preto dun castro en Melide durante as obras da A / Lugo Patrimonio

Atopan o que podería ser un “cemiterio” do final do Bronce ao carón dun castro en Melide

Tempo de lectura: < 1 min.

A construción dos dous últimos tramos da A-54 entre Santiago de Compostela e Lugo, entre Arzúa e Melide, están a revelar un importante conxunto de xacementos, algúns deles de sumo interese, polos case nulos estudos que hai ao respecto. E entre estes novos achados destacan, ademais das carboeiras dun castro, un importante conxunto de corenta foxas funerarias do final da Idade do Bronce e inicios do Ferro.

O equipo do arqueólogo Emilio Ramil é o encargado de realizar as investigacións de urxencia destes xacementos. Xa leva excavados en área seis xacementos durante as obras e este ano intervirá outros seis, entre eles o que debe ser o sitio arqueolóxico máis relevante do conxunto segundo apunta a web Cultura Galega. Así, nas proximidades dun castro na zona de Melide localizáronse corenta foxas de inhumación, dunha cronoloxía entre finais da Idade do Bronce e o principio da Idade do Ferro: o tempo no que comezan a ser ocupados os castros.

Nas foxas hai materiais de incineración e funerario. “Collémolas practicamente sen tocar”, destaca Emilio Ramil neste portal. Trátase dun tipo de xacemento moi singular e pouco estudado, en especial porque ata hai poucos anos non foran identificados ou escavados sistematicamente, e porque están asociados a sitios arqueolóxicos, os castros, dos que ata hai pouco era unha absoluta incógnita a existencia de lugares de enterramento.

Curiosamente, a principal intervención arqueolóxica destes “cemiterios” do inicio do tempo dos castros foi tamén nas obras da mesma autovía, no xacemento de Ventosiños, en Coeses (Lugo), en 2013. O novo xacemento permitirá coñecer máis sobre os inicios da Idade do Ferro en Galicia. Vía Cultura Galega.

Pode que che interese...