Axuda a que o Entroido galego sexa internacional | Historia de Galicia
Entroido de Samede, en San Xulián de Vigo, Paderne / Asociación entroido de Samede

Axuda a que o Entroido galego sexa internacional

Tempo de lectura: 3 min.

A Asociación Entroido de Samede, de San Xulián de Vigo, no Concello de Paderne, viaxa a finais deste mes a Bulgaria invitada ao Surva (Festival Internacional de Máscaras de Pernik), festival participado por miles de artistas de toda Bulgaria, balcáns e outros países da rexión. Alí representará a Galicia e aos seus Entroidos Tradicionais ante milleiros de persoas, sendo a única mascarada da península Ibérica convidada nesta edición.

A Asociación Entroido de Samede adicase á recuperación e promoción do Entroido Tradicional de Samede e a súa Muiñeira cruzada. “Realizamos unha labor que leva catro anos de andaina e que agora está recollendo os seus primeiros recoñecementos internacionais, tras participar en dúas ocasión no FIMI (Festival Internacional de Mascarada Ibérica)”, apunta esta entidade nun comunicado.

Pero, para que todos os seus integrantes poidan ir a Bulgaria precisan axuda. Así que iniciaron estes días unha campaña informativa destinada a buscar apoios de particulares e institucións. Os interesados poden pedir información no correo electrónico areasyaca@gmail.com ou deixar as súas doazóns na conta ES33 0239 0806 7724 2819 7020

Entroido de Samede, en Paderne, convidado a ir a un festival internacional a Bulgaria / Asociación Entroido de Samede

Entroido único

Este Entroido conserva unhas características únicas, entre elas, a loita entre as “máscaras ou bonitos” e os “vixigueiros ou contrarios” por acaparar o favor dos visitantes. Tamén a espectacular Muiñeira Cruzada, conservada e relatada en primeira persoa polos informantes, algúns dos cales aínda a bailan no entroido. E xunto cos sombreiros de plumas e frores, son a nota característica deste entroido, onda coma noutros casos, existe unha competencia por levar o sombreiro máis vistoso, adornado con cintas de cores, frores e plumas.

Precisamente, os protagonistas que irán representando ao Entroido de Samede no Surva 2020 son as máscaras ou bonitos, que levan espectaculares sombreiros de plumas e cintas. Os homes vestidos de branco con cintas de cores e faixa, as mulleres con saia tradicional, camisa branca e mantóns de alegres cores. Son os protagonistas da festa xa que bailan e danzan, sendo os mellores bailadores os mais desexados.

Entroido de Samede / remitida

Carolos, bromas ou troulas

Tamén os carolos, que son unha parella (home e muller) que saen vestidos de roupa branca e co rostro oculto que bailan no centro dos bonitos.  Por outra banda están os vixigueiros ou contrarios, que son outra seña de identidade que fai a Samede destacar. De feito ,os contrarios tratan de roubar e acaparar a atención que normalmente se lles presta ás máscaras, e para iso non dubidan en argallar moitas.

Neste particular entroido están tamén as bromas ou troulas. Visten de farrapos, sacos ou calqueira material que se puidera atopar nos palleiros ou faiados. Levan a cara tapada con caretas feitas na casa por eles mesmos, para manter o anonimato e corren coas súas vexigas coas que arremedan á xente e crean alboroto e festa.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: