fbpx
Reconstrución fotogramétrica do petróglifo de Fonte Matanzas / Colectivo A Rula

Os petróglifos de Fonte Matanzas… Os motivos que dominan o Val de Santiago

Tempo de lectura: 8 min.

Artigo publicado polo Colectivo A Rula

Para a análise das novas estacións de arte rupestre é imprescindible a consulta de diversas fontes cartográficas. Neste senso, a capa WMS do Plan Básico Autonómico da Xunta permítenos analizar, a través de diversos sistemas de información xeográfica (XIG), a xeolocalización dos diferentes bens culturais catalogados, as súas áreas de protección e, asemade, comparalos coas referencias saídas dos traballos de campo realizados nestes últimos anos.

A pesar dos erros detectados, da ausencia de fichas descritivas dos bens patrimoniais e da omisión dos últimos elementos localizados, constitúe a ferramenta inicial de consulta para poder estudar as diferentes áreas antes de saír ao monte.

Plano de localización dos xacementos 1 e 2 coas curvas de nivel

Nestas revisións periódicas  que facemos das actualizacións do PBA, chamou a nosa atención a referencia ao petróglifo da Fonte Matanzas na aba do Monte Espiñeira, situado a uns trescentos metros ao noroeste da aldea de Camouzo.

Trátase dun petróglifo que non constaba na nosa documentación, polo que enseguida nos diriximos ata o lugar para saciar a nosa curiosidade.

O xacemento localízase ao noroeste da aldea de Camouzo, (N 42 56.905, W 8 35.956, datum WGS84 e a unha altitude de 503 m) na parroquia compostelá de Santa Cristina de Fecha, na aba sueste do monte Espiñeira, desde a que se contempla todo o val do Sarela no seu nacemento na Peregrina, ao norte da cidade de Compostela. Sitúase aos clásicos dous terzos de altura da ladeira, a disposición máis habitual da nosa arte rupestre prehistórica.

 

O petróglifo de Fonte Matanzas 1

Plano coa localización dos xacementos de Fonte Matanzas

Toda a cima do Espiñeira é rica en penedos graníticos. Os gravados foron realizados nun afloramento destacado sobre o terreo. O xacemento ocupa un lugar central na lomba sur do Espiñeira que permite ver un horizonte aberto de leste a oeste. Desde a peneda tamén se ten unha privilexiada vista do Pico Sacro e das máis achegadas cimas do Pedroso e do Fontecova.

O xacemento non está só, hai multitude de pequenos afloramentos pola aba que presentan moitas evidencias de antigos traballos de cantaría.

O afloramento é de grandes dimensións e formas irregulares. As superficies horizontais cimeiras son moi irregulares, con evidentes procesos de meteorización activos e nelas non apreciamos ningún gravado.

Pola contra os motivos concéntranse nunha pequena superficie horizontal triangular situada no bordo suroeste da peneda, a menor altura mais, aínda así, destaca sobre o terreo aproximadamente un metro.  Mide 2,40 m de base por 2 metros de alto e está gravada case na súa totalidade. Todos os motivos pertencen ao grupo xeométrico do Grupo Galaico de Arte Rupestre e, en xeral, presentan un estado de conservación aceptable.

Fonte Matanzas 1. Vista ao atardecer co cumio do Espiñeira ao fondo

Como chegar?

Para achegarnos ata estes xacementos podemos escoller entre dúas vías. A primeira delas parte da aldea de Camouzo onde, por detrás das casas, tomaremos un camiño serpenteante que ascende cara o Espiñeira. Vainos levar ata unha devasa que colleremos a man esquerda e que nos achegará, só uns 30 metros despois, ata os pes do xacemento.

A segunda vía de acceso é a que parte desde a pista que leva ao cumio do Espiñeira Na última curva, antes da rampla final que leva a antena de AENA, sae un camiño en bastante bo estado e que é chan, camiñamos uns 500 m e chegamos a onde o cruza a devasa, debemos coller á dereita, descendendo pola devasa uns 260m ata un camiño que, pola esquerda, nos leva en 40m ata o penedo.

Tendo en conta a situación da estación 1 recomendamos a súa visita despois das horas centrais do día, xa que ata o mediodía os motivos permanecen en sombra, o que dificulta moito unha boa visualización. No caso da segunda estación sucede xusto ao contrario, polo que aconsellamos visitalo en horario matinal.

Nesta complexa estación predominan as combinacións de círculos concéntricos, acompañadas das tradicionais coviñas xunto con outros elementos, canles sinuosas, radios de saída, etc.

Descrición dos motivos

Contamos 13 combinacións de círculos concéntricos distribuídas de xeito que case ocupan a totalidade do triángulo irregular que conforma a superficie do afloramento. Na esquina sur do triángulo hai unha pía natural de forma irregular.

Fonte Matanzas 1. Fotogrametría cos motivos identificados

No panel podemos apreciar facilmente dúas das combinacións circulares (A e B) que están compostas por tres círculos e candasúa con coviña central. En ambas o círculo exterior está incompleto. A ten un diámetro de 36 cm e B de 15 cm. Outras dúas combinacións de grandes dimensións (C e D) formadas por dous círculos concéntricos e coviña central de grandes dimensións. C ten un diámetro de 31 cm e D de 33 cm.

No extremo leste consérvase unha combinación (E) realizada cun suco máis estreito que as demais. Está composta por 4 círculos concéntricos e a pequena coviña central. Ten un diámetro de 24 cm. Elaborada cun suco similar tamén temos outra combinación (F) no bordo suroeste que está formada por dous círculos concéntricos, pequena coviña central e radio de saída. Ten un diámetro de 15 cm.

O resto de combinacións circulares son de pequeno tamaño e están feitas cun só círculo e coviña central. (GHIL, M, N, O e P) Teñen uns diámetros de entre 12 e 15 cm.

Os motivos foron feitos con sucos anchos e pouco profundos. Teñen unha sección transversal en U moi aberta. Só dúas combinacións situadas no bordo sur están feitas cun suco máis estreito e menos profundo. Esta diferencia fainos pensar en que posiblemente fosen varias mans as que elaboraron os gravados e, polo tanto, é posible pensar nunha diacronía entre estes dous motivos e o resto.

Dúas das combinacións de maiores dimensións e mellor conservadas conforman figuras máis complexas froito da combinación de varios motivos. O conxunto situado máis ao norte está formado por dúas pequenas combinacións (O e P) dun círculo e coviña central, ambas acaroadas a unha combinación (D) de maiores dimensións e composta por dous círculos e coviña central. O conxunto lembra a forma dunha cara que o estudoso italiano Emmanuel Anati denominou face occuli.

Completan estas figuras coviñas de distintas dimensións e formas. Teñen uns diámetros que varían desde os 12 cm da maior, ata os 2-3 cm das máis pequenas. Dunha das coviñas de maiores dimensións e forma alongada parte unha canle irregular (Q), ancha e profunda, que descende pola rocha en dirección sur.Na situación central do panel temos outro conxunto que está formado por unha combinación (A) de tres círculos e coviña que comparte parte do círculo exterior con outra combinación acaroada a a ela (B) pero máis pequena e con dúas coviñas no seu interior. Da coviña central da combinación A sae outro suco curvo que remata noutra coviña e conforma o terceiro círculo da combinación B.

Fonte Matanzas 1

Ao carón da pía natural dispóñense catro coviñas conformando un cadrado, motivo que tamén atopamos na estación da Devesa da Rula 4.

Por último destacamos a composición que forma a cazoleta de forma elíptica (R) de 18 cm de longo coas tres coviñas aliñadas lonxitudinalmente ao seu carón. Este motivo ten moitas similitudes cun do panel 1 do petróglifo de Mallos, no concello de Teo.

Nas visitas que fixemos á estación número 1 de Fonte Matanzas non desaproveitamos a oportunidade de pescudar nas laxes da contorna ás que puidemos achegarnos. Nunha delas, situada a uns 100 metros ao sueste da 1, localizamos unha segunda estación con gravados, esta non catalogada.O petróglifo de Fonte Matanzas 2

Próximas a esta localizamos tamén as estacións 3, 4 e 5.

 

 

Para visitar a segunda estación baixaremos pola devasa, situada ao carón da estación 1, ata o camiño que leva á aldea de Camouzo. Viraremos á esquerda en dirección leste e poucos metros despois veremos, a uns 30 metros por debaixo do camiño, a rocha cos gravados. Para aproximarnos a ela teremos que camiñar monte a través a distancia que os separa do camiño.

Como chegar?

Localízase nunha laxe de medianas dimensións destacada sobre o terreo. N 42 56.860, W 8 35.861, Datum WGS84, e unha altitude de 472 m.

A súa situación ao leste do afloramento fai que os gravados permanezan en sombra a partires do mediodía, a diferenza do que acontece na estación 1.

Dividimos a estación en dous paneis:

Panel 1

Localízase nunha pequena superficie regular situada a ras de chan. Ten forma triangular con 2,20 m de base por 2,20 m de alto.

Fonte Matanzas 2Panel 1. Reconstrución fotogramétrica

Consérvanse dúas combinacións de círculos concéntricos e coviña central. A de maiores dimensións ten un diámetro de 32 cm e está conformada por catro círculos e coviña central e adáptase á morfoloxía convexa da superficie da pedra. A pequena ten un diámetro de 21 cm e dous círculos con coviña central da que parte un suco irregular de saída.

Na superficie do cumio da rocha máis sobresaínte, localízase unha pequena combinación de dous círculos concéntricos, coviña central e radio de saída. Ademais, consérvase un conxunto de catro coviñas, dúas delas elípticas.

 

 

 

 

Panel 2

A menos de 20 metros da estación 2 en dirección sur, nunha laxe de medianas dimensións e situada a ras de chan, consérvase unha combinación de dous círculos concéntricos e coviña central.

 

O petróglifo de Fonte Matanzas 3

O seu estado de conservación é moi malo, o que dificulta unha boa visualización. (N 42 56.865, W 8 35.881).

A uns 30 metros ao sur da estación 2 localízase unha pequena rocha apenas destacada sobre o terreo e moi alterada, que contén dúas coviñas. (N 42 56.860, W 8 35.923 Datum WGS84).

 

O petróglifo de Fonte Matanzas 4

Fonte Matanzas 4. Coviñas

 

O petróglifo de Fonte Matanzas 5

A uns 15 metros da estación 4 localízase unha rocha de pequenas dimensións e pouco destacada sobre o terreo na que se conservan 5 coviñas, dúas delas moi abertas e esvaídas. (N 42 56.841, W 8 35.894).

Fonte Matanzas 5

 

O petróglifo do Chan de Camouzo.

Ao carón dun camiño de terra, situado a uns 20 metros ao sueste da catalogada mámoa do Chan de Camouzo temos outro afloramento de boas dimensións que conserva nunha pequena superficie horizontal catro coviñas de distintos diámetros. (N 42 56.760, W 8 36.081 Datum WGS84). A rocha está moi alterada por labores extractivas de cantaría.

Petróglifo do Chan de Camouzo

 

Consideracións finais

Á agradable sorpresa da inclusión no Plan Básico Autonómico deste petróglifo catalogado de Fonte Matanzas, sumáselle agora a localización doutras cinco novas estacións na súa contorna.

Como é habitual procedemos coa súa notificación inmediata á Dirección Xeral de Patrimonio para a súa valoración e catalogación, tal e como levamos facendo dende que xurdiu este colectivo e que permitiu triplicar o número de estacións catalogadas con arte rupestre na nosa comarca.

Notificacións que realizamos cumprindo coas obrigas que establece a lei e agardando que os técnicos procedan coa súa valoración, catalogación e posterior inclusión no Plan Básico Autonómico para tentar garantir a súa protección.

Malia todo, son poucas as esperanzas que temos de obter unha resposta, o silencio administrativo é o habitual neste tipo de comunicacións.

Pode que che interese...