fbpx
Recreación dunha batalla medieval entre galaicos e astures

Unha guerra de mentira: Cando a corte asturiana quixo dobregar aos galegos. O caso Montecubeiro

Tempo de lectura: 9 min.

Non é difícil atopar artigos dedicados a presentar a Galicia como unha entidade derrotada e sometida na “Batalla de Montecubeiro”. Recentemente un deles ten aparecido no sitio de Historia de Galicia. Nel, coma resulta habitual, preséntase a cuestión como un feito histórico acontecido no derradeiro terzo do século VIII, pero cales son os verdadeiros datos ó respecto deste asunto? Este artigo resume outro, inda inédito, que cuestiona que o episodio bélico publicado nun ciclo de crónicas medievais e que o sitúan “in monte Cuperio” dea conta ou poida considerarse un feito histórico. Analízase a verosimilitude nese sentido dos datos dispoñibles logo de situalos no contexto correspondente. Proponse tamén que o significado do relato da presunta batalla conserva o sentido político que tivo na súa orixe e que este era o de deslexitimar unha certa identidade política en favor doutra.

1º O Episodio

En textos como o que menciono repítese o mesmo esquema que artigos como o referido reproducen e reiteran: a imaxe de que Galicia foi apenas un territorio adxacente, derrotado, subordinado e supeditado no mundo medieval. O esquema sería o seguinte:

– Dise v.g. “no xoven reino cristián do norte”. Este non pode ser o de Galicia, o Galliciense Regnum das fontes, xa que este era moi antigo daquela. “Asturies” aparece como Reino. Galicia non.

– Os galegos preséntanse como rebeldes contra un poder asumido como lexítimo.

– Os galegos aparecen representados como inconsistentes, xa que son derrotados apenas nunha batalla (Dende aquela, seica, xa non volverían rebelarse mais, tal como interesa certa historiografía , e que artigos así dan por boa, sen crítica)

– A Corte do tal reino asturiano estaba en Pravia, un poder forte —despréndese, do artigo— centrado ó redor dela.

– Os Galegos da zona “lucense” (ignoro porqué vai entre comiñas no artigo) aparecen como unha caterva sen cabeza, sen líderes, sen señores á fronte…unha tropa confusa que, cousa curiosa, sairía ou tería ó seu dispor e segundo o propio artigo, a mais formidable cidade fortificada do noroeste da península no tempo: Lugo. A pesares diso, resulta derrotada sen apelativos no seu terreo e ás portas da cidade.

– O artigo escolle imaxinar que os galegos fuxiron en desbanda e costa abaixo (sic) “baixo as frechas”, logo de matar ou apresar ós lideres galegos (malia que antes asume que ou non os hai ou eran de tan pouca monta que non os mencionan as fontes)

-De xeito tamén incongruente, logo da tal derrota non hai toma de Lugo e mesmo pode ser que pactaran co vencedor inda que no mesmo paragrafo fálase de que non houbo pactos…

Posible ruta empregada por Silo cara Lugo, pasando por Montecubeiro / omeigodotea

2º Os argumentos. As fontes do episodio e a súa importancia

A nova sobre o tal enfrontamento procede dun importante texto medieval coñecido como a Crónica Rotense. Trátase dun texto que tería sido copiado varias veces até o XV ou XVI e realizado eventualmente a partires dun probable orixinal perdido e tan antigo como do S. X. Esta Rotense (polo lugar de Roda de Isábena) é a versión previa conservada que deu lugar, xunto cunha versión posterior,  chamada Sebastianense ou Ovetense, a un texto integrado e que a historiografía denomina Crónica de Alfonso III. Na Ovetense, tamén aparece o mesmo episodio, mais relatado de xeito diferente como veremos. Polo pronto a Rotense é unha destas copias e forma parte dun conxunto de catro textos relacionados entre si baixo o nome de “Ciclo de Alfonso III”. Dentro deste, pode falarse de “tradicións” ou enfoques diferentes xa que existen tamén a Crónica Albeldense e a Profética que completan o panorama principal dese Ciclo. Din as Crónicas:

Crónica Rotense:

“Galleciam sibi reuellantem inito certamine in monte Cuperio superauit et suo imperio subiugauit.” 

Fonte: GIL FERNÁNDEZ, J.; MORALEJO, J. L.; RUIZ DE LA PEÑA, J. I. 1985: nº 18. Pp 151-188

Crónica ad Sebastianum: 

“Populos Gallecie contra se rebellantes in monte Cuperio bello superabit et suo imperio subiugabit.”

Fonte: GIL FERNÁNDEZ, J.; MORALEJO, J. L.; RUIZ DE LA PEÑA, J. I. 1985: nº 18. Pp 114-149

En realidade, debido a que dende 1615 ten habido moitas edicións  deste material (BAUTISTA, FRANCISCO 2015:14) e ó feito de que o Ciclo de Alfonso III ten sido considerado como esencial dentro da Historiografía Española,  hoxe en día podería considerarse que moito dese material historiográfico, académico ou divulgativo forma parte tamén do Ciclo cando a súa función, motivación ou teleoloxía fican aliñadas de xeito a-crítico coa teleoloxía orixinal das crónicas, conseguindo o efecto de estender no tempo e no espazo a mensaxe que vertebra e xustifica a existencia mesma destas.

 

3º Sobre a mensaxe das crónicas

Existe un consenso amplo de que como fonte de coñecemento sobre a realidade do pasado, as Crónicas, calquera crónica, constitúe un material cando menos problemático. Considérase que en xeral e en si mesmas, non deberían tomarse como a fiel imaxe e relato histórico duns feitos acontecidos e obxectivamente consignados para os lectores tal como foron. Considérase que, mais ben ó contrario, a súa importancia e significado pesaba sobre o tempo no que foron escritas e difundidas. Compre saber, se cadra, que sobre isto existen tamén importantes liñas de traballo nas que a perspectiva da investigación manexa outras premisas básicas. Como ás seguintes:

“Como hemos visto a lo largo de las páginas anteriores, resulta indudable que las crónicas asturianas tienen una fuerte carga ideológica que presenta al lector los hechos de una manera determinada, en conveniencia con una intención clara.”

(…) Pero sería erróneo pensar que se trata de un proceso casual o espontáneo. Ni mucho menos, la fructífera actividad literaria de fines del siglo IX se enmarca en un proyecto político inspirado por el propio ideal neogoticista que arranca un siglo antes.

(…) Se trata de un auténtico proceso de reconstrucción político-cultural impulsado desde el poder por un pensamiento isidoriano conocido al menos desde Alfonso II.

Fonte: SOLANO FERNÁNDEZ-SORDO, ÁLVARO (2009:153-155) 

Cfr. v.g.: ORDÓÑEZ CUEVAS, ANDREA MARÍA (2016: 8); AGUIRRE CANO VÍCTOR MANUEL (2018: 52)

Esta realidade foi a norma en relación a textos coma estes. Copiados unha e outra vez ó longo dos séculos co gallo non de manter os textos mesmos, senón de crear, manter e consolidar determinado estado das cousas contidos neles, como podía ser a lexitimidade tal ou cal expectativa ou dereito.

Posible hipótese da batalla de Montecubeiro / omeigodotea

4º Sobre o topónimo

Montecubeiro non designa un monte con ese redundante nome. O topónimo designa á parroquia en si mesma; e tamén as terras e quinteiros ó redor da Igrexa de San Cibrao, sita no rueiro de tal nome, mailo seu cemiterio que fai de referente colectivo. Pumarín, O Pombal, O Barreiro, O Campo e O Fato son os outros casaríos ergueitos mais abaixo da aba noroeste do Monte dos Cuturelos (891) que si que sería un claro referente á hora de indicar o escenario dalgún feito histórico. Outros montes inmediatos son O Monciro, O Pradairo e as Serras da Vacariza e A Ferradura. No resto da toponimia desa área entre o Rego de Osos e o Rio Azúmara, ningunha altura leva tal nome. Entre outras posibilidades, Cubeiro pode perfectamente ter relación co lexema proto-indoeuropeo keu-p,[ Curvo, dondo e semellantes significados] como nas formas gregas κύβη [Kibe], κύμβη [Kimbe] (cabeza) κύμβαχος (Cimeira, cumial dun capacete por exemplo…) e que nas linguas desa familia deron en significar cousas como por exemplo “copa”, mais tamén “cúpula” “cuba” (no sentido de pipa ou pipote como os do viño) cacumen (cima, cumial, cume) e outros. Do lexema kel-1kelǝ- virían significados como Cume, en galego, ou “cumbre” no español e outras noutras linguas. Por iso pode ser unha tautoponimia como acontece no caso da Torpenhow hill que sucesivamente ten soldado o mesmo significado en lingua Inglesa medieval (Torr) Galés (Penn) danés (Haug-r)e inglés moderno (hill) e que fica preto da capital de Cumbria, un Condado Cerimonial do noroeste inglés. Para esta forma, latinizada, do nome do tal territorio, que inclúe nomes como Cumberland e outros, cunha raíz cum[b], cum[m], tense proposto (JAMES, ALAN G. 2019: 84) coma orixe o Indo-Europeo(IE). Nótese que entre “Cubeiro” e estas palabras anteriores semella haber un “aire de familia”. En linguas célticas, continúa o autor, o anterior combinouse tamén coa idea de “os habitantes” os -*brogoi, a xente de tal ou cal lugar, os [cum-brogoi, ou os com-brogoi] que no caso de Cumbria dan en ser primeiro os cömbröɣ e logo os de Cumberland. Pode que algo semellante lles pasase ós de Cubeiro logo de ter sido “os de Cumbreiro”, antes “os do Cumbreiro”; “os do Cupeiro” ou similar. Pode tamén que algunha foránea e antiga asociación, de alguén que xa non coñecía a lingua,  e que percibiu nesa palabra unha “cumbre”, un cumio, complicase a cousa cara unha tautoloxía que fixo deles algo así como “os do monte Cubeiro”. Pode que por iso non haxa un Monte Cubeiro en Montecubeiro e pode que por iso mesmo sexa tanto como a denominación da parroquia en si, e designe á xente propia dela como un colectivo diferenciado.

E isto importa porque mesmo aceptando que no tempo do redactor da Crónica a palabra Cuperio fose xa unha palabra pantasma, pronunciada nunha lingua autóctona desprazada polo latín. Que malia que en realidade tivera un significado endóxeno xa esquecido que remitise á comunidade de persoas dun lugar. Mesmo aceptando Cupeiro como nome dalgún monte, resulta que o tal “monte Cuperio” sería algo así como un “Monte Curuto”. Onde resultaría coherente atopar un pleonasmo coma ese? Pois como no caso da oralidade popular galega que canta a un vello que hai “aló no cimo do Monte Curuto”, tripla redundancia pois, propia das expresións da creatividade cultural popular, aparecería en algo que tivese sido inventado para xustificar unha narrativa, ou unha mensaxe dirixida.

 

Isto leva a preguntarse de onde procede a idea de que o lugar onde se asenta o centro da Parroquia de Montecubeiro, Castroverde, Lugo teña algo que ver cunha Batalla do Monte Cuperio notificada nunha crónica do século IX. Pois seica (LOVELLE, M. R.; QUIROGA, J. L. 2000: 70 nota 61) foi o historiador Claudio Sánchez-Albornoz Menduíña (1893-1984) quen adxudicou a este topónimo a propiedade de ter sido escenario do episodio relatado. A partires diso, todo ten sido “seguidismo” e, polo tanto, continuísmo narrativo que serve para apuntalar o sentido da Crónica Rotense.  Nada ficou consignado para o futuro e orientado a indicar cal podía ter sido o solar de tan magno acontecemento imputable no haber do rexente Silo. Todo indica que foi a semellanza do propio nome de lugar, Montecubeiro, co Mons Cupeiro dos textos. Mais, sendo así, hai outros candidatos mellores ou iguais. Cubeiro, na Parroquia de Caraño (San Martiño), no Concello de Pol,  a apenas uns 3600 m de distancia¸ Lombo de Cubeiro está na Parroquia de Santa Marta de Meilán do Concello de Riotorto; tamén simplemente en razón do seu nome, como outros, pode ser o lugar de Cupeiro, que está a 6km da muralla de Lugo, e entre as parroquias de S. Martiño de Guixar, Concello de Outeiro de Rei (Lugo) e a de S. Xoan do Tirimol (Lugo). Trátase dunha ruta que leva cara os camiños do mar, tanto os da Mariña como os das rías de Ares e as veciñas.

Zona de Rego dos Osos, en Montecubeiro / omagodotea

5º Lugo

Lugo foi unha cidade militar ou militarizada se se prefire. Especialmente despois da construción do seu inmenso e monumental valo de pedra, torres e foxos. Foi unha cidade rica, rodeada dun alfoz vizoso, grande, produtivo, na que o gremio dos oleiros, por exemplo, constituía un moi importante motor económico. Era ademais, na altura do S. IX, moi antiga e prestixiosa. Foi unha das cidades importantes dun reino moi importante como foi o Galiciense Regnum, fundado e consolidado polos Suevos nos primeiros anos do S. V. Sen estenderse neste asunto, incidental neste traballo, pode dicirse que resulta moi sorprendente visualizar ou imaxinar — as conichas liñas das crónicas obrigan— como puido darse unha esmagadora batalla (C. Rotense) ou guerra (C. ad Sebastianum) entre as tropas non soamente desta enorme e dotada fortaleza nun outeiro sobre o Miño, como é Lugo, senón das de (toda) Galicia ou as de Os Galegos —Galleciam e Populos Gallecie, din as crónicas— contra as dun Rei Silo do que, en realidade, apenas hai datos. Tómase tamén como un dato o de que constituíu corte na localidade Pravia, daquela unha aldea na beira do río Nalón, dende onde tería partido contra os Pobos de Galicia.

6º A manobra militar

Imaxinado, como fixeron outros, tamén podemos pensar en como puido o exército daquel príncipe chegar tan preto da cidade e derrotala doadamente, semella. Tal vitoria, ademais, seica non merecería consignar o nome dos derrotados ou algún dato. Visto así semella un trámite dentro dun proceso narrativo e, efectivamente, o paragrafo 18 da Rotense onde aparece isto, fica no medio dunha serie de rebelións entre as sufocadas polos antecesores, entre elas outra anterior contra os Uascones (Os Vascos) ou contra os Gallecie Populos, seica como precedente. (Cronica Rotense § 16).

De vir por terra, dende mais de 200 km e entre 8 e 10 xornadas de marcha, atravesando vales, ríos, montes ou de vir por mar —e daquela debería estar documentada unha importante flota naval— para acadar pode que a Ria de Foz e Barreiros, a manobra puido ser detectada moito antes de chegar preto da cidade de Lugo e a batalla tería sido librada en circunstancias favorables ós Galegos. Que estes non puideran opoñer unha forza militar importante resulta estraño cando as mesmas crónicas indican que era algo así como unha “tradición” dos Galegos, Vascos e outros rebelarse contra eses señores astures. No caso, polo que fose de que chegaran a avanzar cara o interior galego a batalla puido acontecer, perfectamente, na zona do Lombo do Cubeiro do actual Riotorto. Ou algo despois, nas inmediacións de Cubeiro, en Caraño, Pol. En caso de debilidade da, teimuda tropa rebelde galega, tiñan a posibilidade de resistir dende as murallas de Lugo. Compre lembrar que inda existen hoxe como un recinto. Podería a tropa da aldea de Pravia e arredores deixar súa capital para esta campaña, batalla, guerra ou o que fose? Deixaría atrás desprotexido o corazón do principado fronte a ameaza dos Uascones? Son estas e outros os datos que cuestionan seriamente que case que nada do relatado teña como xerme un feito histórico.

 

CONCLUSIÓNS

Por todo isto, conclúo que a Batalla de Montecubeiro si que existiu, mais foi unha batalla mediática. Librouse daquela empregando os medios de comunicación oficial da época e segue a librarse hoxe nos foros e medios que manexamos.

Aquel uso da propaganda como arma política tampouco enfrontaba a Galegos e Astures. Enfrontaba e era unha loita pola supremacía política librada dentro dunha oligarquía e segue librándose hoxe mesmo entre a asediada Historia de Galiza e a historiografía vencedora de moitas batallas de papel inda que precaria nas súas posicións.

Pode que che interese...