fbpx
Petróglifo do Monte Porrido, no linde das parroquias de Castro e Quireza / Capitán Gosende

Os petróglifos, as fronteiras invisibles da Prehistoria cerdedense

Tempo de lectura: 2 min.

O Capitán Gosende retoma en Cerdedo o labor que tantas ledicias nos ten deparado: o estudo e visibilización do noso patrimonio material e inmaterial e, nesta xeira, a descuberta e valorización da nosa arte rupestre.

O pasado domingo os exploradores de Capitán Gosende descubrimos un petróglifo no monte Porrido, sobre o linde interparroquial de Castro e Quireza e a escasos metros dunha pista forestal. A inscultura, que denominamos “petróglifo do monte Porrido”, localízase, segundo o mapa do IET, a uns 150 m, cara ao norte, da estrema co concello de Campo Lameiro (parroquia de Montes). O petróglifo do monte Porrido (coordenadas.- X: 544.627; Y: 4.709.845; alt. 481 m) componse dun agrupamento de 16 coviñas talladas na parte superior dun afloramento granítico. A superficie visíbel da laxa supera os 2 m2. A rocha intégrase nun conxunto rochoso no que proliferan pías e desaugadoiros de formación natural. Adxacente, anotamos a existencia dunha casoupa de pedra desprovista de cuberta que, en tempos, debeu empregarse como alpendre. Na zona, os rochedos e pedregais son abondosos, porén, a súa calidade (gran groso) é inferior á do soporte insculturado. Non se desbota, pois, o papel obliterador desenvolvido polos axentes erosivos.

Do conxunto de coviñas, a meirande acada os 10 cm e a máis pequena, os 4 cm. As concavidades de maior tamaño tamén son as máis profundas. Das 16 coviñas, 11 asócianse tanxencialmente e outras 2 adoptan a formación “peciño de neno”, acuñada para os petros do monte do Ceo (Xirarga-Beariz). O seu número, tamaño e distribución polo panel lémbrannos o conxunto de coviñas (19) do petróglifo do Outeiro da Pena IV (a 7’5 km de distancia cara ao NL), descuberto polo colectivo Capitán Gosende nos montes de Sabucedo (A Estrada) en decembro de 2014. 

O número de gravados rupestres descubertos en Cerdedo polo colectivo Capitán Gosende ascende a 46. Na comarca de Montes atinximos a cifra de 77. Ladran, logo cabalgamos.  

Escrito por

Profesor, investigador e etnólogo

Pode que che interese...