fbpx
O enxeñeiro Andrés Comerma / remitida

Pioneiro da telefonía, dos raios X e dun túnel de tren entre Europa e África… Así foi a incríble vida de Andrés Comerma

Tempo de lectura: 2 min.

O enxeñeiro e arquitecto naval, farmacéutico, escritor e divulgador Andrés Comerma será homenaxeado no Día da Ciencia en Galicia este 2020. O homenaxeado deste ano destaca por introducir en Galicia innovacións tecnolóxicas como a telefonía e os raios X, á vez que impulsou obras de renome mundial no seu tempo como o do Dique da Campá no Arsenal de Ferrol.

Pouco se sabe de Andrés Comerma a pesar de ser un dos grandes enxeñeiros do século XIX. Naceu en 1842 na localidade do Valls (Tarragona), aínda que desenvolveu toda a súa carreira en Galicia. Aos 21 anos fíxose cunha praza na Escola de Enxeñeiros da Armada de Ferrol e anos despois licenciouse en Farmacia pola Universidade de Santiago.

Foi responsable dunha das obras máis importantes de enxeñería da cidade de Ferrol, o dique da Campá, que constrúe entre 1873 e 1879 por encargo do Almirantado. Tamén asistiu como representante da Mariña Española a diversas exposicións e eventos internacionais, coma a Exposición Universal de Viena de 1873, o Congreso da Electricidade de París de 1881, a Exposición Internacional da Electricidade en Múnic (1882), ou a Exposición Internacional da Pesca de Londres de 1883, onde foi ademais o responsable da construción do pavillón español. En 1883 encargouse do deseño dun proxecto de camiño de ferro submarino que comunicaría España co norte de África baixo o Estreito de Xibraltar, que non se fixo finalmente.

En 1891 solicita o seu pase á reserva e trasládase a Madrid, onde chegou a catedrático de Técnica micrográfica e histoloxía vexetal e animal na Facultade de Ciencias da Universidade Central. Con todo, segue mantendo o contacto coa cidade departamental. Presidente do Casino Ferrolán en 1900, director do Ateneo Ferrolán entre 1903 e 1906 e presidente da xunta de accionistas do teatro Xofre, foi tamén presidente da rondalla Airiños da miña Terra.

Ademais, colaborou asiduamente co xornal El Correo Gallego, que daquela se editaba en Ferrol, e coa publicación Almanaque de Ferrol, á que contribuía con ensaios sobre enxeñería e sobre recuperación do patrimonio. En 1910 regresa de forma permanente a Ferrol, xa coa categoría de xeneral. En 1913 é nomeado académico correspondente da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España.

Grandes fazañas

Comarca introduciu numerosas innovacións tecnolóxicas en Galicia. Así, permitiu a instalación da primeira liña telefónica de Galicia no ano 1878, que uniu a Capitanía e o Arsenal de Ferrol, e realizou as primeiras experiencias con raios X. Tamén realizou investigacións, textos divulgativos e publicou dous libros: ‘Curso práctico de construción naval’ e ‘Os castelos feudais de Moeche, Narahío e Andrade’, motivado pola súa “preocupación” pola conservación do patrimonio.