fbpx
Canóns do Castelo do Soberano, listos para ser restaurados / Concello de Camariñas

Queren restaurar os canóns esquecidos de Camariñas que serviron de amarre aos barcos

Tempo de lectura: 2 min.

O goberno local do Concello de Camariñas quere restarurar os canóns do Castelo do Soberano. Unhas pezas que forman parte do patrimonio do concello e que estaban medio apodrecidos nun almacén e que estiveron no porto servindo de amarre para os barcos.

Dous dos nove canóns que se atopaban resgardados no almacén municipal foron recollidos pola empresa pontevedresa contratada polo concello para levar a cabo os traballos de restauración destes bens considerados dun alto valor patrimonial.

Esta empresa fará un traballo de documentación e fotografiado dos canóns para coñecer con exactitude o seu estado de conservación e, posteriormente, poder elaborar unha proposta de intervención coas actuacións necesarias para restaurar os canóns que debe ser aprobada pola Dirección Xeral de Patrimonio antes de comezar a traballar.

Nese proxecto estará incluído o seu estado actual e as actuacións a seguir para recuperalo completamente, que son: limpeza dos canóns para eliminar a sucidade e a corrosión do ferro, aplicar un tratamento para quitar a sal e, unha vez feito isto, consolidalos e protexelos para que non se deterioren.

“O obxectivo é que, proximamente, poidan restaurarse os outros sete canóns restantes pero actualmente por motivos económicos non é posible realizar a actuación ao completo xa que o Concello está a facerse cargo en solitario do financiamento dos traballos”, apuntan desde o concello.

Resto do Castelo do Soberano, en Camariñas / turismo.gal

O Castelo do Sobernao

A Batería do Soberano, ou tamén coñecida como Castelo do Soberano, constrúese en 1740, durante o reinado de Carlos III, formando unha batería curva que defendía toda a entrada da ría e que tiña dezasete troneiras. Todo iso defendido por un recinto amurallado cun baluarte, dous medios baluartes e un foso no medio. Entre os dous recintos emprazábase unha nave que servía de polvorín, almacén e acuartelamento.

Estaba construída con grandes bloques de granito. Actualmente só se conservan cimentos e parte da zona baixa do muro exterior. Perdida a súa utilidade como recinto defensivo, foi desmontada nos anos 40 para utilizar os bloques na construción do actual peirao, onde tamén poden verse algúns canóns servindo de amarre para os barcos. Na actualidade, só se conservan os cimentos e parte do muro exterior, está en mans privadas e sen un destino moi claro que depende tamén de Patrimonio.