fbpx
Fantasía dunha cidade asolagada / foto squarefrogCC0

A Lenda da lagoa de Traba e das cidades asolagadas de Galicia

Tempo de lectura: 4 min.

Conta a lenda que en Traba, no Concello de Laxe, nun lugar natural único caracterizado por un sistema dunar, lagoa e  humidal enchido de fauna, ó pé dos Penedos de Traba, existe unha cidade asolagada. Conta, ademais, que nas noites de temporal aínda se escoitan as campás da igrexa parroquial repicando baixo as augas.

A lenda é, con moi poucas variacións, a mesma que se conta ó redor de case todas as lagoas de que salpican a nosa xeografía. Todas teñen unha estrutura semellante, unha intervención divina acaba cos cobizosos ou blasfemos habitantes do lugar baixo as augas. Porén, deixan tras de si estraños restos, sons de laios ou de campás, ou animais escuros como as ánimas. O entorno natural de Traba, no corazón da Costa da Morte, pide contar en primeira persoa esta historia singular.

A lenda e o apóstolo Santiago

Pídeo pola súa xeografía apenedada e o singular da súa paisaxe predisposta a lenda. Tamén porque se conta ó carón doutra das historias da nosa mítica, como a predicación do apóstolo Santiago nesta Costa da Morte, nos confíns de Occidente. Da súa predicación antes de descansar, segundo o mito, no santuario da Barca, ou aparecer en representacións medievais como o tímpano de Cereixo. No lugar de Traba hai tamén unha parroquial adicada ó Apóstolo.

Lagoa de Traba / foto turismo.laxe.gal

Pois cóntase que foi o propio apóstolo Santiago quen predicando no lugar foi o responsable de tal asolagamento. E é que o apóstolo, canso de predicar o evanxeo nos confíns do mundo e de atopar contada resposta decide buscar un lugar tranquilo onde tomar folgos e pasar a noite.

Foi daquela cando achou a vila de Vilaverde ou Antioquía, segundo a versión. Era unha vila especialmente rica na que os seus moradores vivían en grandes casas de pedra. O apóstolo vestido de mendigo entrou na cidade buscando de casa en casa acubillo. Mais non atopou resgardo en ningunha delas, sendo tal a fachenda dos seus habitantes e o desleixo ó esmolante.

Mais Santiago non se rendeu, buscando algún alma con caridade na perdida a vila. Fixouse daquela nunha cativa casiña. Era a máis pobre de toda a vila, feita apenas de madeira e non moi lonxe de virse abaixo. Decidiu daquela o santo pedir refuxio achando no interior unha amable anciá. A vella non só lle ofreceu un prato quente e un lugar no que durmir senón que privárase ela mesma de tales praceres, durmindo sobre o frío chan.

Fantasía dunha lagoa / foto DarkWorkXCC0

A vella contáralle a maltreita relación cos seus veciños, coas xentes de Valverde ou Antioquía, o desprezo por ser pobre e da fame. Á maña seguinte, ben descansado Santiago ofreceulle un paseo á vella ata os penedos que rodean a vila. Ela, a pesar da súa avanzada idade, aceptou de boa gana subir con el ata o cumio da Moa, máis Santiago púxolle unha condición, que non mirara para atrás no camiño.

Cando chegaron, daquela, ó cumio o apóstolo quixo continuar o camiño a Muxía e agradecerlle unha vez máis o que a muller fixera. Daquela volvéndose cara atrás puideron ver como toda a cobizosa cidade ía quedando asolagada pola auga. Dende aquela dise que moran na lagoa peixes negros como o carbón, como as ánimas dos outrora habitantes, tamén se di que nas noites de temporal escoitase baixo as augas os laios das campás da antiga igrexa.

Unha lenda sobre a caridade en tempos de necesidade

A lenda está recollida por numerosos autores, como Baña Heim, Giadás Álvarez, L. Monteagudo, Ramón y Ballesteros, Fernández Carrera… cóntase con diferentes versións. Nunha delas fálase de Carlomagno, non do Apóstolo, noutras de Xesucristo vestido de pobre. Nunha das versións fálase da ascensión ó ceo da señora e da súa preocupación por quedar ela mesma sen casa. Mais en todos os casos a secuencia é moi semellante.

Lagoa de Traba / foto turismo.laxe.gal

Tamén se conta a mesma historia para moitas outras cidades míticas baixo lagoas, conservadas ou xa perdidas, como Duio en Fisterra, Valverde na Ermida en Corme, Galilea en Baldaio, Alcaián en Coristanco, Brandomil… só na zona, mais repetida en toda Galicia. A secuencia pode estar protagonizada pola Virxe, Xesucristo, San Pedro, a Sagrada Familia… Sempre piden caridade ou predican e son maltratados, co que acaban por condenar a vila co asolagamento xusticeiro na que salva só ós solidarios.

Tamén en moitas destas lendas hai referencias explícitas a comida, como o pan de trigo ou un tenreiro, co que agasalla a vella ou que negan os viláns. Se fala de riquezas e de carencias, co que para algúns autores como José Manuel Vázquez Varela, ou L. Monteagudo, a lenda fala antes que nada sobre o valor da caridade cristiá, do valor da caridade dentro da cultura popular.

Pasarela de Traba / foto acostadamorte.info

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...