fbpx
Xabaríns / foto azazelokCC0

A lenda da Ponte do Porco, onde un xabarín matou á filla de Nuno Freire de Andrade “O Mao”

Tempo de lectura: 3 min.

En pleno Golfo Ártabro, ó pé mesmo da vila de Miño, atópase a minúscula vila da Ponte do Porco. Está nun pequeno esteiro que forma o río Lambre no seu morrer no mar, sobre o cal se atopa aínda a día de hoxe unha ponte de pedra. Non sería a orixinaria, do século XIV, senón unha que subtituiría, porén, á que neste lugar levantara Nuno Freire de Andrade “O Mao”. Segundo a lenda, neste lugar a carón do mar tomaría morte a filla deste nobre a mans dun inmenso xabarín.

A historia comeza cunha pequena cabeza de porco esculpida en pedra que aínda se conserva na ponte. A partir dela articúlase unha lenda que conta como no século XIV Nuno Freire de Andrade, “O Mao”, gobernaba sen piedade nas terras de Betanzos e nunha ampla franxa do norte de Galicia. Non a gusto coa sona que tiña entre os seus súbditos tratou de limpar o seu nome nun episodio que acabou en traxedia.

Cóntase que o señor dos Andrade tiña unha fermosa filla chamada Tareixa. A rapaza era dunha beleza extraordinaria e dunha bondade que non concordaba coa personalidade do seu pai. Tareixa estaba profundamente namorada dun servinte de Nuno, un mozo novo, querido por todos, que tiña por nome Roxín Roxal. Mais o rapaz non era de nobre liñaxe e os amantes sabían que o seu amor non podía prosperar.

Nuno vendo que o cariño entre os mozos non diminuía viuse na obriga de actuar, sobre todo, tendo en conca que xa tempo atrás amañara o matrimonio de Tareixa con Henrique Osorio, un home de ampla liñase e riqueza. Nuno desterrou a Roxín Roxal das súas terras dándolle como contrapartida unha bolsa de moedas de prata e unha daga de ouro.

O xabarín finalmente morto as mans de Roxín Roxán / foto Marys_fotosCC0

Pasou o tempo e Henrique e Tereixa casaran. Nada se sabía de Roxín Roxán. Un día un enorme xabarín comezu a amedrentar ás xentes do feudo dos Andrade. Era o xabarín máis grande e forte que se lembrara nesas terras e ninguén o conseguía cazar. O animal levárase incluso por diante a algúns habitantes que trataran de darlle morte. Nuno veu a ocasión de mellorar a súa sona organizando unha gran batida.

O señor dos Andrade despregou as súas mellores galas para a ocasión e puxo a Henrique e Tareixa na vangarda do seu séquito. Pouco a pouco foron acurralando ó animal tratando de darlle morte. Mais o porco bravo resistíase. Finalmente conseguiuse acurralalo polo curso do Lambre e cortarlle o paso no lugar onde hoxe se sitúa a Ponte do Porco. Alí tendo a man ó ferido e bravo animal Henrique viu a oportunidade de levar a gloria da cacería.

Este xunto con Tareixa agardaron o moribundo animal sobre a ponte, lanza en man, dispostos a darlle morte. Mais cando o porco chegou a súa fronte en lugar de rematalo Henrique fuxíu co medo, chimpando do peitoril. Con isto Tareixa quedou desprotexida e sorprendida polo becho, que alí mesmo lle deu morte, escapando cara o monte despois.

Escultura na Ponte do Porco lembrando a iconogafía e a lenda desta familia Andrade / foto Chorima1bCCBy Wikimedia

Por todas aquelas terras correu a historia do acto cobarde de Henrique Osorio, e de como lle custara a vida a Tareixa. Tamén a Nuno, que perdera a súa filla de mans do xabarín. Mais ós poucos días algo deixou abraiados os habitantes da contorna. Pois no medio da ponte na que morrera Tareixa apareceu finado tamén o maxestouso animal. Levaba no pescozo cravada unha daga, unha daga de ouro, tal e como a que Nuno lle dera a Roxín Roxal.

Daquela o nobre deuse conta do erro do matrimonio da súa filla. Pois nin a riqueza nin os títulos serviron para protexer á muller, casada cun alma cobarde. Pola contra se Roxín Roxal casara con Tareixa seguramente ela seguía viva. Por iso Nuno Freire de Andrade fixo que se esculpira sobre a ponte a unha cabeza de porco. Sería a mesma que dende aquel século XIV aínda se conservaría na actual.

Un xabarín desafiando á ollada, como o da lenda / foto domeckopolCC0

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...