fbpx
Restos do trazado do camiño tradicional de Santa Clara a Cornide que transcorre polo monte de Santa Clara, desefeito parcialmente por maquinaria da mina / Colectivo A Rula

Así quedou un camiño tradicional tras a desfeita das máquinas das megaminarías

Tempo de lectura: 2 min.

Os camiños e vías tradicionais de Galicia, en risco de desaparición pola deforestación e os efectos da “megaindustria forestal comercial”. O Colectivo A Rula denunciou un caso recente: o ‘Camiño de Santa Clara’, vía que atravesaba o monte do mesmo nome e que enlazaba as aldeas de Cornide con Casalonga, no municipio de Teo.

Este camiño, documentado xa nos anos 40, viuse parcialmente arrasado pola actividade que se está realizando na contorna da antiga canteira de Casalonga durante o último mes, “levando por diante non só piñeiros e eucaliptos, senón tamén os muros deste vello camiño de carro empregado para trasladar a pedra extraída das primeiras ‘pedreiras’ deste monte” que datan dos anos 20, indica o colectivo.

Danos nos muros do camiño de Santa Clara que afectaron ao camiño tradicional e ás especies autóctonas / Colectivo A Rula

O abandono e a transformación do medio rural, engaden, pon en perigo a situación deste tipo de elementos, que está localizado preto dun dos espazos arqueolóxicos “máis importantes do municipio”, a área Costa-Agro Vello-Cabanelas-Cruceiro Vello, con ‘mámoas’ e petróglifos catalogados e sen documentar.

O colectivo criticou que non se realice “ningún tipo de seguimento” destes traballos e considerou necesario “parar toda a actividade” na contorna da canteira, tanto pola “densidade” de bens culturais catalogados na contorna como pola posible aparición de novos bens patrimoniais. “É imprescindible afrontar un verdadeiro estudo de impacto arqueolóxico desta área antes de continuar con calquera actividade”, insistiron, apelando a cumprir a Lei de Patrimonio Cultural galega.

Camiño do Alto de Santa Clara en 2018, antes de ser desfeito por maquinaria pesada / Colectivo A Rula

Pode que che interese...