fbpx
Mámoa da necrópole do Peredelo, na Fonsagrada, convertida nun silo de plásticos e nun vertedoiro

Outra mámoa convertida nun silo de plásticos agrícolas e nun vertedoiro

Tempo de lectura: < 1 min.

A finais do ano 2016 Patrimonio dos Ancares presentou unha denuncia ante Patrimonio pola construción dun silo para plásticos agrícolas sobre unha mámoa da necrópole do Peredelo, na Fonsagrada, situada tamén a carón da citada estrada.

Entre os anos 2017 e 2019, os arqueólogos de Patrimonio realizaron catro inspeccións e comprobaron que o silo fora colocado por riba do enterramento onde, ademais dos plásticos agrícolas se depositaba todo tipo de verquidos (colchóns, rodas de tractor, etc). Os días 3 de febreiro de 2017 e 23 de agosto de 2018 requiriron ao Concello da Fonsagrada para que tomara as medidas necesarias para a retirada dos verquidos sobre este ben patrimonial e impedir a súa degradación, pero non tiveron resposta.

Entre o 2017 e 2019, dende Patrimonio requiriron a intervención do Seprona da Garda Civil para que identificaran aos responsables da construción do silo,  sinalando ao Concello da Fonsagrada como autor, polo que en maio de 2019, dende o Servizo de Xestión Cultural en Lugo trasladaron o expediente de denuncia á Subdirección Xeral de Protección do Patrimonhio Cultural en Santiago de Compostela para que iniciara os trámites de incoación dun expediente sancionador. A día de hoxe o silo continúa sobre a mámoa, e o lixo a medrar.

“Por medio de rexistro electrónico tamén lle vimos de preguntar á devandita Subdirección Xeral en que fase se atopa o expediente de sanción, instándoos a que, ademais da sanción económica ao Concello, o obriguen a retirar o silo e o lixo, e no caso de non facelo presenten denuncia diante do xulgado”, apunta este colectivo arqueolóxico que tamén presentou uns escritos dirixidos aos partidos políticos que integran a corporación (PSOE, BNG e PP) para que se “mollen” e presionen ao goberno municipal para que cumpra a Lei.

Pode que che interese...