fbpx
Torre do Reloxo ou da Berenguela / foto MemoryCatcherCC0

Lembrando a Domingo de Andrade, o arquitecto que facía natureza coa pedra, no Día das Artes Galegas

Tempo de lectura: 3 min.

A Comezos do XVII a catedral compostelá era un agregado de elementos de diferentes épocas cun estilo que estaría entre unha estética renacentista e o dunha antiga fortificación. Foi coa chegada a Santiago do cóengo José Vega y Verdugo cando comeza o esplendor barroco galego que coñecemos hoxe. Non foron poucos os arquitectos executores daquel primeiro gran barroco galego, pero ningún como Domingo de Andrade o arquitecto que facía natureza coa pedra.

E é que Domingo de Andrade é o gran referente do chamado barroco de estilo vexetal ou primeiro barroco, característico do século XVII. Denomínase así precisamente en referencia ó arquitecto, que tiña como lait motive grandes sartas de froitas e elementos vexetais. Se hoxe Santiago de Compostela en concreto, e en xeral o barroco galego, locen como un gran espectáculo de natureza exuberante esculpido en pedra é gracias a obra de Domingo de Andrade.

A alma da praza da Quintana

Domingo de Andrade creou algunhas das obras máis apaixonantes da arte galega, non so na arquitectura senón tamén como entallador e imaxineiro. Poucos anos despois da chegada de Vega y Verdugo, no ano 1676, xa abraiaba ó mundo coa súa primeira obra mestra, a torre do Reloxo da catedral de Santiago, onde repica a Berenguela. Sobre un corpo medieval dunha antiga torre desenvolveu un gran estalido barroco que se alzaría ata os 72 metros de altura. É, se cadra, a obra de máis personalidade de toda a Compostela barroca.

A Casa da Parra de Domingo de Andrade / foto Turismo de Santiago

De aí en diante o xenio do arquitecto non parou. En 1700 xa como Mestre de Obras da Catedral, entablou diálogo coa torre levando ó seu estilo a escala do Pórtico Real, o gran peche monumental da praza. Non satisfeito desenvolvería na praza tamén obras como a Casa da Conga de 1709 e a excepcional Casa da Parra de 1683. Tamén foi mestre de moitas outras grandes obras, como o mosteiro de Santo Domingo de Bonaval, onde creou a universal escaleira helicoidal de triplo tiro, xoia da arquitectura universal.

Día das Artes Galegas 2020

Dende o 2015 a Academia Galega de Belas Artes propuxo celebrar cada 1 de abril como Día das Artes Galegas. A data foi escollida un relación á inscrición do lintel do Pórtico da Gloria da catedral compostelá. Nel se afirma como aquel día do ano 1188 o mestre Mateo colocaba aquel mesmo lintel como última pedra da construción da basílica compostelá. Data que se conmemora neste día.

Escaleira helicoidal de Santo Domingos xoia de Domingo de Andrade / foto DkatanaCC0

Co obxectivo de consolidar esta festividade de lembranza ós grandes creadores galegos, cada ano se afonda na figura dun gran xenio das nosas artes, tendo xa a súa merecida homenaxe, o propio mestre Mateo, Castelao, Maruxa Mallo, De la Sota e Luis Seoane. Este ano a festividade tivo que verse reducida á propia conmemoración, sen ningún acto presencial posible, pero con material de divulgación distribuído entre diferentes institucións e escolas.

Este ano adícase a Domingo de Andrade, “un arquitecto que entendeu a estética dun confín do mundo, de pedra, de bosques, de labirintos, mestre construtor capaz de erguer torres e escaleiras do caos ó cosmos, que abriu solemnes pórticos ó Todo, fachadas e balcóns , enmarcadas entre sartas de froitos e volutas labrados nas súas pedras”. O obxectivo lembrar o xenio universal da súa figura, aspectos da súa vida, e as súas obras e entender de xeito completo o seu excepcional seu legado.

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...