O ouro escondido no Penedo dos Mouros de Ribadeta
Grazas a meu avó e a súa boa memoria, puiden recuperar esta lenda que descoñecía por completo e que forma parte da noso rico folclore mitolóxico.
Nos montes de Ribadetea, ao pé da antiga estrada de Cillarga, que vai da Lomba (Areas) o Viveiro (Ribadetea) atópase o antigo Penedo dos Mouros, coñecido tamén como Penedos dos Moros, que a xente local de xeito erróneo asociaba có “exercito mouro que trouxo Franco na guerra civil española”.
Como todos os lugares onde moran os “mouros” da nosa terra, o lugar está relacionado cunha lenda de “ouro ou encantamento por parte dos mouros”, ainda que cada vez esa tradición oral de avós a netos, de contar esas historias mitolóxicas da nosa terra por desgraza vaise perdendo, e como din, cada vez que morre un vello nunha aldea pérdese unha lenda, pero esperemos que agora esta non.
Conta a lenda, que o Penedo dos Mouros estaba encantado, pois alí no pasado os antigos mouros meteran ouro dentro e cerraran o penedo.
Por aqueles tempos, inda antes de nacer meu avó, fai uns 80 anos, Amador “o canteiro de San Blas” da parroquia de Areas, non tiña crenza nesas lendas de que había ouro dentro do penedo e este estivera encantado. Mesmo así, dixo que de existir ouro no seu interior sería para el. Dicía que as pedras non podían ter poderes polo que ía dinamitala como outra pedra máis e ver se era certo que tiñan outro dentro.
O experimentado canteiro Amador entón subiu ao monte, ao Penedo dos Mouros, fíxolle un pequeno burato e comezou a meterlle dinamita para barrenala. Cando ainda non rematara de meterlle a dinamita, explotou soa sen que lle dera tempo a saír do pendo, saíndo disparado pola onda da explosión.
Amador sobreviviu, pero quedou sen un brazo, coxo dunha perna e sen a vista dun ollo. A xente xa o avisara, O Penedo dos Mouros ten un encantamento.
Na actualidade o mesmo Penedo dos Mouros ten unha pequena construción no seu interior, unha porta feita en pedra anterior ao suceso do canteiro de San Blas, Amador. Esa pequena construción foi feita polo primeiro garda bosques da Serra do Galleiro, vido de Pontevedra. Este residiu na primeira casa do Viveiro (Ribadetea) a cal foi feita con ese propósito, ser a vivenda do garda bosques. Pero voltando ao penedo, este aproveitara a forma da pedra para facer esa porta que usaba de pequeno almacén para gardar ferramentas.
Nos arredores do Penedo dos Mouros non se atoparon restos arqueolóxicos, pero si ten moita riqueza inmaterial en forma de lendas, sendo moi coñecido nas parroquias dos arredores. Seguro que no pasado ainda tivo máis lendas “mouras”.
Pode ser que este penedo, no pasado fora lugar de rituais ou mesmo lugar sagrado dos nosos antergos pagáns, é dicir ainda non cristiáns. Mesmo é posible que nos arredores do penedo vivira un druída ou chamán recordado como ese “mouro” que habitaba no penedo.