fbpx
Catedral de Santiago en obras / foto javierAlamoCC0

Porá o Coronavirus en perigo o remate das obras da catedral para o Xacobeo?

Tempo de lectura: 3 min.

Unha das empresas culturais máis importantes que se están a desenvolver en Galicia nos últimos anos son as obras de restauración da Catedral de Santiago. Están a desenvolverse pola Fundación Catedral a través dun convenio entre o Goberno do Estado, Xunta, Cabido e Consorcio coa colaboración de outras institucións e fundacións. As obras iniciáronse no ano 2015 e levan xa mobilizados a redor de 17 millóns de euros.

Dentro do inmenso proxecto, desenvolvéronse obras de tal magnitude e historicamente moi agardadas polos expertos como a restauración do Pórtico da Gloria, coa a eliminación das súas humidades, a intervención na fachada e nas torres, a limpeza da Berenguela ou a recuperación do aspecto orixinal do cimborrio. Na actualidade estase a intervir na cabeceira, no corpo, nas fachadas exteriores do claustro, na capela da Comuñón e nas capelas absidiais.

Catedral en obras / foto cheligrafiaCC0

Mais o que é unha prioridade cultural, agardada durante décadas, para moitos outros é, ademais, unha oportunidade de visibilización de cara o vindeiro ano xacobeo. É por isto que a nove meses da data e cun volume de traballo moi importante aínda por desenvolver algúns sectores están a preguntarse se a obra se poderá rematar no prazo, que en principio fixárase para novembro de 2020. A paralización das obras por mor do Coronavirus pode pór en risco  o remate da gran obra para a data sinalada .

A urxencia da Xunta por chegar a tempo

Esta é precisamente unha das grandes preocupacións da Xunta de Galicia. Por iso o pasado ver¡nres 20 de marzo, en pleno confinamento, o Consello da Xunta asinaba unha nova inxección de capital nas obras de 750.000 euros. Facíao cun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo, o Cabido catedralicio e a Fundación Catedral. O obxectivo sería acabar as obras coa vista posta no Xacobeo 2021.

A Xunta explicaba que se trataba dun acordo para garantir a conservación do conxunto catedralicio, “promovendo a súa funcionalidade e significación relixiosa e cultural”. O convenio asinado, porén, xa foi anunciado en outubro de 2019, por parte do conselleiro Román Rodíguez, para sufragar a desviación do gasto na execución das obras encamiñada a que remataran a tempo.

Fachada do Obradoiro / foto MUMUENACC0

A escalinata do Obradoiro debería estar rematada en xullo

Unha das obras que máis avanzada estaba era precisamente a escalinata monumental do Obradoiro e a cripta da catedral. A obra contou no seu momento cun prazo de execución de 16 meses mais os traballo se estaban a desenvolver a bo ritmo. Era así ata tal punto que o director das obras, Javier Alonso, afirmaba a comezos de febreiro que as obras, a excepción da restauración dos enreixados, podían estar acabadas xa en xullo.

E é que a catedral de Santiago é un dos monumentos galegos que máis se está tendo que adaptar a súa situación ás novas circunstancias. Xa unha semana antes do confinamento o Cabido confirmaba que a catedral non recibiría máis visitas. A medida sumábase ás restricións que se tomaban outra semana atrás, de restrinxir o abrazo ó Apóstolo e retirar a auga bendita. Mais afirmábase daquela que as obras continuarían con normalidade, o que tivo unha vez máis que cambiar.

Pode que che interese...