fbpx
Paisaxe. S.d. Imeldo Corral Técnica: Óleo sobre lenzo. Medidas: 40 x 50 cm. Colección privada. Cedida amablemente pola Galería Montenegro, Vigo

A campía galega de Imeldo Corral

Tempo de lectura: 6 min.

Cando os ollos pousan nos cadros de Imeldo Corral, vese a paisaxe como un espazo de beleza e revelación. E con eles éntrase na luz e no ar como se fora a primeira vez. Mais alá da pincelada impulsiva e a pura ledicia, estes lenzos descobren unha forma de transportar o seu senso de pracer ao plasmar o radiante, os halos e as superposicións de fenómenos naturais con gozo. Se este artista abre os nosos ollos a aquilo que o impresiona da Natureza, as súas obras son capaces de suxerir a experiencia aínda mais persuasiva aos nosos outros sensos. As paisaxes de Corral están vivas de arrecendo e brisas. Neles reprodúcense a herba, as follas e as flores non so para transportaranos visualmente as súas representacións, senón tamén imaxinativamente ao exterior cun ar que nos envolve e que parece ter sido tinguido coa luminosidade da paisaxe. Os comezos do século XX deu lugar a presenza dun grupo de artistas que, continuando o vieiro de anos pasados, foron quen de evocar a atmósfera da natureza atlántica.

Xunto con este artista ferrolán atópanse Alfredo Souto, Francisco Lloréns, Fernando Álvarez de Sotomayor, José Seijo Rubio, Carlos Sobrino, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Felipe Bello Piñeiro, Virxilio Blanco e Manuel Abelenda. A vida da paisaxe galega é representada xeralmente no transcurso das catro estacións, se ben en Corral aparecen mais claramente os ambientes na primavera, verán e comezos do outono, estacións de tempos cálidos na cal a Natureza e a Humanidade están atraídas nunha unidade mais preta en espírito e actividade. Lenzos como Paisaxe mostra un mundo perfecto de e cor. A susceptibilidade do artista ao arxénteo da luz invernal nas ramas nus ou o reflictes prismáticos dunha fraga tras a xeada dan paso a unha ola de entusiasmo incandescente cando o sol comeza a prender os primeiros signos de cor das árbores florecentes, e gradualmente ilumínase a campía no pleno esplendor do verán.

Imeldo Corral. Fotografía adicada polo artista a Camilo Díaz Baliño. Fondo Isaac Díaz Pardo, Gaiás.

A novidade do enfoque de Corral, dende 1912, fora apreciado polos seus contemporáneos. A sua obra pode ser contemplada como unha culminación lóxica do crecente interese na Natureza durante o curso do século XIX e, historicamente, dun trato mais ambicioso polos artistas de acadar a atmosfera ao ar libre de maneira fresca e fiel. No lapso dun século os artistas antes citados convertéronse nos herdeiros dos pintores paisaxistas. Os lenzos de Jenaro Pérez Villaamil, Dionisio Fierros Álvarez Fierros, Serafín Avendaño Martínez, Román Navarro García Vinuesa e Ovidio Murguía de Castro mostran un absoluto culto a Natureza, no cal a aproximación aos bosques inclúen meticulosos detalles, creando unha combinación romántica que respondía aos ideais de Rousseau de finais do século XVIII dun escenario natural como un espazo silvestre cultivado para a soidade humana e a reflexión. A nova xeración que viña seguíronos tratando de reter a sensación que lles causaba a auténtica experiencia do aire libre, pero non so traballando sobre o tema senón presentando a impresión espontánea coma lenzos acabados.

A cañada. 1898. Ovidio Murguía de Castro. Técnica: Óleo sobre lenzo. Medidas: 65 x 54 cm. Colección Afundación

A seguinte influencia mais próxima foron os Impresionistas. Artistas como Claude Monet, Auguste Renoir, Berthe Morisot, Gustave Caillebotte, Frédéric Bazille, Camille Pisarro, Alfred Sisley, Edouard Manet e Vicent Van Gogh deron a Arte, de forma única, a experiencia da ar fresca nun novo mundo de pracer e disfrute no exterior dos fogares. Eles observaron as multitudes contemporáneas nas praias e nas rúas, en parques e cafés. Pero eles tamén observaban a continua socialización na privacidade dos seus xardíns. Para os pintores impresionistas a vida rural e a vida urbana, os xardíns e as paisaxes eran, ao mesmo tempo, unha realidade e un ideal. Os impresionistas crearon un paraíso terreal en termos que estaban preto do cotiá dos seus coetáneos. E trataron de recrearse na verdadeira sensación de estar ao ar libre. Pero se os seus temas eran habituais, o seu concepto de xardín era igualmente alusivo e romántico.

Pola mañán no Sena. 1897. Claude Monet. Técnica: Óleo sobre lenzo. Medidas: 81 x 92 cm. Mead Art Museum, Amherst College, legado de Miss Susan Dwight Bliss

De forma interesante, o estilo dos Impresionistas influíu na visión e no senso estético dos estetas. No caso de Corral as súas obras corren paralelas cas ideas divulgadas por Vicente Risco en conferencias como Arte Nova (20 de Marzo de 1920) ou nos artigos Crítica literaria. Letras portuguesas (10 de Maio de 1920) publicados en A Nosa Terra. Textos nos que recollía os avances conseguidos polos impresionistas e, para co espírito galego que poñía de base, concibir con estes avances unha Estética da néboa para plasmar unha imaxe galega. Neste senso o que tanto apelou tanto a Corral como a Risco foi o feito de que os impresionistas expandiron os horizontes do que entendíase como “paisaxe”. A súa inventiva levou a que con trazos, rizos e marcas de pintura aplicada cunha liberdade pouco convencional transmitían de forma característica a vitalidade, ou senón de forma sintetizada, a impresión dos grandes campos en toda a súa extensión -unha pracenteira sensación de camiñar coa claridade nunha hora do día-.
Esta modernidade propia da imaxinación impresionista pode verse na obra de Corral. As súas pinturas mostran unha paisaxe libre de tópicos. A natureza nelas aparece estudada ao aire libre pero logo traballada no estudio co fin de conseguir un efecto lumínico unificador. Nunha forma de facer coherente no pictórico a súa directa transcripción, non trataba de pulir os seus temas. Isto que permitía ao artista aspirar a reter a espontaneidade e frescura da primeira impresión fora un dos puntos de ataques dos impresionistas: un cadro ben feito tiña a súa superficie contruída con pinceladas planas, coa pintura aplicada de maneira imperceptible, unha mostra da competencia do artista e da súa seriedade. A idea mais suave que se tiña dos impresionistas é que preferían a lei do mínimo esforzo e da producción rápida. Isto non sería aplicado a Corral xa. O público entendera o que buscábase e sentíase identificado co mesmo.

Praia de Valdoviño. S.d. Imeldo Corral. Técnica: Óleo sobre lenzo. Medidas: 40 x 50 cm. Colección privada. Cedida amablemente pola Galería Montenegro, Vigo

A aportación de Corral foi a consecución do esencial no etéreo así como unha harmonía na paleta de cores que conformou observando a paisaxe. Os tons escuros están dispersos con confianza, e mesturados con cores puros e de contraste que atopaba nos fenómenos naturais, incluso nas sombras. Bañadas pola brillante luz exterior as formas individuais da vexetación desaparecen nunha panoplia de cor, na cal as texturas das flores das árbores son aínda recoñecibles. Pese a que poden parecer bocetos ou imaxes apenas debulladas, implicaban unha resposta inmediata a natureza. Toda a enerxía está concentrada en captar o intanxible e o constante cambio dos elementos da luz e o ar. Ten o senso compositivo do estilo fotográfico, o ritmo mediante pinceladas de Van Gogh, a limpeza abstracta de Whistler, a frescura cromática de Monet e os contornos e as formas sólidas disoltas dun mundo fluctuante en constante movemento de Renoir. Pero a vez non é unha copia de ningún deles. Os brochazos e a cor convertéronse nas claves dun naturalismo mais musical e transparente. Os seus cadros son unha celebración da vida, a luz titila, os ceos ondúlanse, as follas revolotean e os pétalos treman. Neles tamén é posible ver a nova era, como sucedía non so nestes artistas senón en cadros como Choiva, vapor e velocidade (1844) de JMW Turner. Mais no seu caso aparecía unha percepción actual e mais natural. Unha nova e liberada existencia, a que desprendese da sinxelexa, carácter, rixo, ledicia e renacemento da campía galega.

aisaxe montañoso detrás do Hospital de Saint-Paul. Saint-Rémy comezos de Xunio de 1889. Vincent Van Gogh. Técnica: Óleo sobre lenzo. Medidas: 70,5 x 88,5 cm. Ny Carlsberg Glyptotek, Copenhague

 

Escrito por

Historiadora da Arte.