A Ventá das Bruxas do Ézaro a porta a un mundo subterráneo cheo de tesouros nas profundidades do Pindo
Do salto de Ézaro, ó pé do monte Pindo e á beira do fin da terra, dise que é o único salto de auga de Europa que desemboca directamente no Atlántico. Este salto, canalizado en parte por Naturgy, cae excepcionalmente a xeito de gran fervenza de mais de 30 metros creando unha gran nube de vapor. En fronte do propio salto, entre as ondulacións do granito vivo, pode verse unha furna.
É a coñecida como a Ventá das Bruxas, a entrada dunha cova natural da que se conta unha singular lenda. Dise que a Ventá é a entrada a un mundo subterráneo, cheo de ouro e riquezas, que se estende debaixo do monte Pindo. Dicíase que para acceder a el había que cruzar un longo corredor que leva xusto a debaixo da fervenza do río. Alí habería unha bodega. E máis alá de aquela bodega un novo corredor que chegaría a unha luxosa estancia onde se atopaba unha moza encantada.
Aquel que quixera desencantar á rapaza tería que traspasar aquela porta, cruzar o corredor e enfrontarse ó feitizo da bodega. Pois alí habería tres inmensos bocois. Un estaría cheo de veleno, outro de brea fervendo e un terceiro cheo de ouro. Para pasar teríase, por forza, que abrir un deses bocois. Se resulta ser o do veleno morrerase ó dereito. Se se abre o da brea esta sairá fervendo e morrerá queimado. Mais se se abre o de ouro os tesouros quedarán esparexidos pola sala á man de quen os queira levar.
Porén, se a fortuna te levase a abrir o de ouro debes reparar nunha pequena chave. Abre a porta do mundo interno máis alá do salto. Aí en luxosos salas atópase a rapaza, que ficará liberada do feitizo. O afortunado que a libere poderá casar con ela e quedar co tesouro, sempre e cando garde en segredo a entrada do lugar. Cóntase no lugar que pola fenda entraron varios mozos pero que nunca se volveron ver.
A lenda recóllese no libro de Barreiro Barral Os montes del Pindo, olimpo celta e deserto de pedra, publicado pola Deputación da Coruña no Ano 1987. Tamén no de Xan Fernández Carrera Lendas da Costa da Morte, edicións Embora 2017.