fbpx
Barrio do Crura, imaxe do asilo derrubado / foto vigo.org

A Xunta paraliza o proxecto do Barrio do Cura por ir en contra da Lei de Patrimonio Cultural

Tempo de lectura: 2 min.

O megaproxecto construtivo que Vigo está a planear para o Barrio do Cura non se axeita á Lei de Patrimonio Cultural de Galicia. Así informou este martes mediante un comunicado de prensa a Xunta de Galicia, despois de remitir ó consistorio vigués un informe da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural no que se afirma que a tramitación debe modificarse.

E é que á modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para a reordenación do ámbito do Barrio do Cura, aprobada o outono pasado, non se axusta á legalidade. A Xunta alega que o Casco Vello foi declarado Ben de Interese Cultural coa categoría de Conxunto Histórico no ano 2006 e, por tanto, conta cunha zona de protección directa e unha zona de respecto.

Detalle do Barrio do Cura / foto youtube.com

Por isto, posto que é obrigatorio que todo BIC desta categoría teña Plan Especial para a súa protección, tal como afirma o artigo 55 da Lei de Patrimonio, o proxecto debe modificarse. Débese, por tanto, “deixar fóra a área BIC da Zona Vella, actualmente incorporada”, ou ben “facer este desenvolvemento urbanístico a través dun Plan especial”.

Porén, segundo a Xunta, estas serían modificacións menores, porque o actual plan non difire de xeito substantivo do aprobado por Patrimonio Cultural en 2014. Porén existe unha nova complexidade para aprobalo pola falta na cidade de un Plan Xeral, anulado por sentenza xudicial do Tribunal Supremo en 2015.

Un proxecto polémico

Antigo edificio das Irmás dos Anciáns Desamparados no Barrio do Cura / foto hermanitasvigo.es

O actual proxecto do Barrio do Cura prevé a construción de 400 vivendas. Delas 265 serían de prezo libre en solo urbano consolidado e outras 99 de venta libre en solo no consolidado. Tan só 36 serían de protección oficial. O proxecto ocuparía ó redor de 40.000 metros cadrados, con saída peonil ó Paseo de Alfonso XII, zonas verdes e 900 prazas de aparcadoiro.

O proxecto foi especialmente polémico dende os seus inicios pois para o seu desenrolo é necesario o derrube de moitos edificios. Algúns eran estruturas relativamente recentes mais outros era vivendas históricas. Especialmente polémico foi o derrube do asilo das Irmás dos Anciáns Desamparados unha obra neogótica de especial singularidade, do que tan so se conservará dun xeito simbólico a fachada da súa igrexa.

Pode que che interese...