Aparece unha nova mámoa no centro dun conxunto megalítico de Teo tras uns traballos de roza forestal
No lugar da Cruz de Angueira, na parroquia de Lucí no concello de Teo, o colectivo A Rula acaba de atopar unha mámoa inédita ara o de agora. Atópase nun monte de explotación forestal duns 24.288 m2 e foi achada por un dos socios do colectivo logo das tarefas de limpeza e roza do terreo nunha tala masiva.
A mámoa é perfectamente visible no terreo xa que se atopa nun lugar perfectamente chan, polo que tras a roza conseguiu chamar a atención do colectivo. A mámoa, que segundo parece, carece de coira e de estruturas pétreas visibles, ten ó redor duns 26 metros de diámetro e unha elevación de metro e medio.
A mámoa pode ter un interese especial, pois, tal e como comprobou o colectivo, sitúase xusto no centro, dun gran conxunto de mámoas que salpican a zona. Trátase das do Monte do Pego 1 e 2, ó leste e do xacemento, da mámoa da Lagoa, e da mámoa do Agro do Muíño ó oeste. É especialmente significativa a do Monte Pego 1, a máis próxima, na que se localizaron 85 fragmentos de cerámica prehistórica, probablemente da Idade do Bronce.
Segundo afirman na súa web, o colectivo xa deu parte ás autoridades, achegando un informe urxente á Dirección Xeral de Patrimonio así como ó concello de Teo. O obxectivo é que se proceda ó seu inventariado e que se ordene a paralización preventiva das obras de repoboación forestal iniciadas esta semana. O xacemento foi bautizado como mámoa da Cruz da Angueira.

Mámoa da Cruz da Angueria / foto Colectivo A Rula