Aparecen 300 partituras de Luís Brage nun baúl abandonado ó fuxir en 1936 | Historia de Galicia
Fantasía dunha partitura / foto foto KazCC0

Aparecen 300 partituras de Luís Brage nun baúl abandonado ó fuxir en 1936

Tempo de lectura: 2 min.

O 1 de agosto de 1936 Luís Brage saía de Ribadavia. Facíao fuxindo do golpe de estado do 18 de xullo xa que, dada a súa militancia republicana e en diferentes institucións galeguistas, a súa vida corría serio perigo. Facíao deixando atrás a súa vida como director da Lira de Ribadavia así como moitas das súas posesións.

Entre elas atopábase un gran baúl. Contiña, unha boa parte da súa biblioteca, así como 300 partituras da súa composición. Durante 70 anos agardou na mesma casa abandonada por Brage ata que o musicólogo David Ferreiro seguiu a pista ata atopalo. Descubriu un excepcional tesouro dun dos principais compositores e músicos galegos da primeira metade do século XX.

Un libro para recordar a súa excepcional aportación

Luís Brage, fotogarafía da revista Vida Gallega / PD Wikimedia

E é que Brage estivo vinculado á á recuperación e visibilización da música e do folclore galegos. Traballara no teatro García Barbón de Vigo e no Teatro da Zarzuela de Madrid, mais en 1936 desenvolvía o seu traballo en Ribadavia. Paradoxalmente, tras a guerra mentres nos palcos de música de Galicia se interpretaban as súas composicións rexionalistas el fora esquecido, e vivía anónimo.

Pois a súa fuxida de Ribadavia, a Santiago de Compostela e despois á Coruña e Ourense, non lle serviu de moito, pois o 2 de novembro de 1937 foi detido e en 1938 condenado a morte por un consello de guerra. Mais, neste caso, a súa pena foi conmutada por prisión. En 1940 sairía en liberdade vixiada, establecéndose, case anonimamente na Coruña como profesor de música.

Agora o Consello da Cultura Galega recolleu a exhaustiva investigación de David Ferreiro, a súa vida e a súa obra, editadas nun libro. Luís R. Brage Villar. Obra e Memoria percorre de maneira exhaustiva a traxectoria vital e profesional dun músico galego excepcional que durante boa parte do século XX ficou esquecido.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: