fbpx
Proxecto para o castro de Alobre / foto www.mitma.gob.es

Aprobada a musealización dos castros de Alobre, A Subidá e Toiriz

Tempo de lectura: 2 min.

Tres novos castros da provincia de Pontevedra serán musealizados. Trátanse dos castros de Alobre (Vilagarcía), Toiriz (Silleda), e Subidá (Marín). Todos eles están incluídos nun protocolo de intervención froito dun acordo entre a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento para a súa posta en valor.

Trátase da súa adaptación á visita e musealización, nun proxecto cun orzamento de 520.000 euros. A obra, licitada este mércores, prevé un prazo de execución de catro meses, despois do presumible comezo da obra a finais de xuño. A obra estará desenvolvida pola empresa Patrimonio Intelixente.

Picas con códigos QR para información de detalle

Nas obras intervirase na mellora dos accesos, tratamento da paisaxe e vexetación que os rodea, dotación de mobiliario, pavimentacións puntuais e sinalización. Os proxectos centrarase sobre todo neste último aspecto, creándose discursos e explicacións de aspectos como información sobre a morfoloxía, cronoloxía e a historia do asentamento.

Proxecto para o castro de Alobre / foto www.mitma.gob.es

Para iso empregaranse paneis informativos e picas dotadas de códigos QR, que permitirán desenvolver a visita con información concreta de cada elemento. No caso do castro de Subidá situarase, ademais, un banco, realizado en gabións, como punto de contemplación  e interpretación da paisaxe, e elementos para a interpretación dos petróglifos que se atopan no propio recinto.

Outros 13 castros pendentes de ser musealizados

A intervención está tan só pendente da aprobación da licencia de obras por parte dos tres concellos. Porén estes son só os primeiros tres proxectos dunha nómina moito máis extensa de musealización de xacementos castrexos que a Deputación e Fomento están a desenvolver. Por isto existen outros trece castros na provincia pendentes de ser musealizados.

Sete deles están pendentes dos informes da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia para entrar en fase de licitación. Os, mentres seis restantes están en fase de redacción do proxecto. Trátase dos do Mercado dos Mouros e Igrexa Vella (Valga), Cruz do Castro (Cerdedo-Cotobade), Penalba (Campo Lameiro), A Lanzada (Sanxenxo), Adro Vello (O Grove) e Alto dos Cubos (Tui), no primeiro caso.

Na fase de redacción inclúense os de Castrolandín (Cuntis), O Facho (Cangas), Troña (Ponteareas), Cabeciña (Oia), Taboadexa (As Neves) e Trega (A Guarda). O proxecto, segundo a presidenta da Deputación, Carmela Silva “é unha gran noticia para a posta en valor do noso patrimonio e o desenvolvemento dun modelo turístico, centrado nun destino cultural“.

Proxecto para o castro de Toiriz / foto www.mitma.gob.es

 

Pode que che interese...