fbpx
Barrio do Crura, imaxe do asilo derrubado / foto Vigo.org

Así era o Asilo dos Anciáns Desamparados, o desaparecido emblema do Barrio do Cura

Tempo de lectura: 4 min.

Entre 2019 e 2020 comezou a súa desaparición. O asilo sería derrubado para dar lugar a unha nova promoción de vivendas enmarcadas no proxecto do plan parcial do Barrio do Cura de Vigo. O proxecto prantexaría a recuperación integral dun dos barrios máis degradados de Vigo, mais, ó tempo, resultaría tamén polémico pola desaparición dalgúns edificios históricos da zona.

O Asilo das Irmás dos Anciáns Desamparados de Vigo foi o seu emblema. A súa historia remóntase a maio do ano 1883 cando a nai Teresa de Jesús Jonet funda na rúa Areal unha primeira casa para anciáns sen recursos. Tan so tres anos despois, grazas a doazón do terreo polo párroco D. Juan Manuel Pérez Martínez, comezou o deseño dun novo edificio para a actual rúa Pi i Maragall ó pé do paseo de Alfonso XII.

Antigo edificio das Irmás dos Anciáns Desamparados no Barrio do Cura / foto Irmás dos Anciáns Desamparados

Aquel primeiro edificio, que comeza a súa construción no ano 1892, converteuse nun dos emblemas das institucións benéficas de Vigo e unha das pezas chave deste sector da cidade. Foi proxectada polo arquitecto municipal Manuel Felipe Quintana, e, cando foi inaugurado finalmente no 1910, causou unha gran expectación.

Unha xoia neogótica

O edificio era unha das pezas relixiosas dun Vigo que estaba a consolidar a súa imaxe pétrea a través do eclecticismo, nunha das mellores etapas construtivas da cidade. Estaba construído nun estilo revivalesco neogótico, estilo que, dentro deste eclecticismo, estaba considerado o máis adecuado para os edificios relixiosos.

Se ben non foi o único exemplo no que se empregou este estilo na cidade, si foi, dende as súas orixes, un dos edificios neogóticos cunha estrutura máis rica. O edificio contou cun singular xogo volumétrico, ó estilo do momento, que combinaba a asimetría das fachadas hospitalarias, co retraemento e maior altura da singular fachada da igrexa.

O asilo nos seus primeiros anos / foto Vigo Ciudad Olívica Fotos Antiguas

O edificio estaba construído en perpiaño de granito tallado, cun singular ritmo de arcos neogóticos nas fachadas do asilo e unha portada abucinada e un segundo corpo cun gran rosetón, enmarcados por contrafortes, na fachada da igrexa. O conxunto remataba nunha modesta espadana para as campás.

Un símbolo de diferentes épocas

E é que o seu deseñador, Manuel Felipe Quintana, foi un dos grandes arquitectos do eclecticismo da cidade de Vigo, momento no que se configura unha boa parte do gran Vigo pétreo. Desenvolveu obras de tal calidade como a a Casa para Francisco Solleiro de 1891 en Policarpo Sanz ou a Casa Estanislao Durán da rúa Príncipe, de 1901. En estilo neogótico construíu tamén a igrexa de Santiago de Vigo de entre 1896 e 1907.

Casa de Estanislao Durán, Manuel Felipe Quintana / foto HombreDHojalataCCBy Wikimedia

Co paso do tempo o edificio sería ampliado por algúns os mellores arquitectos da cidade. Tan só dez anos despois da inauguración, en 1921, Jenaro de la Fuente Domínguez proxectou a ampliación de dous andares do muro oeste da igrexa. Mais tarde, en 1939, Antonio Cominges Tapias proxectou a ampliación doutro piso no volume lateral este. En 1952 rematábanse as obras de ampliación posterior.

Estas ampliacións deixaron marcadas na fachada o rumbo dos novos tempos. Pois ós antigos muros neogóticos engadíronse andares nun estilo que caracterizaría neste novo momento a Vigo e boa parte da Galicia urbana, o estilo Rexionalista, neste caso de inspiración neobarroca. Quedaba marcada así sobre a fachada do convento outra das grandes épocas construtivas da urbe.

A peza chave do Paseo de Alfonso XII

A obra constituía unha singular peza urbana nun dos lugares chave da cidade, entre a rúa Pi i Maragall e o Paseo de Alfonso XII. Era a peza que articulaba estes dous espazos e que lle confería ó paseo con vistas á ría a imaxe decimonónica e monumental que caracteriza o centro da cidade.

Paseo de Alfonso XII co asilo ó fondo / foto turismo.gal

Así foi durante máis dun século, constituído como a gran peza de transición entre dous sectores da cidade. No estremo oeste da cidade histórica, o edificio era o último eslavón do percorrido monumental atravesa a cidade, dende García Barbón e Urzaiz ata Pi i Maragall. O histórico edificio podería terse entendido como unha parte fundamental desta experiencia estética que remata no paseo de Alfonso XII.

Foi ademais un símbolo do seu tempo e do carácter benéfico dalgunhas institucións da urbe. Foi unha das marcas dun Vigo relixioso no que as edificacións das ordes se ensamblaban na trama urbana configurando un conxunto homoxéneo. A institución, dende a súa fundación, chegou a acoller a máis de 4.000 anciáns, moitos deles sen ninguén no mundo a quen acudir.

Asilo da rúa Pi y Margall, Manuel Felipe Quintana Ochaita / foto HombreDHojalata CCBy Wikimedia

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...