Así nos contan os seus creadores os segredos do videoxogo inspirado nos códices medievais
“Todo comezou coa idea de dar vida á un manuscrito, pensamos que sería fantástico ver todas esas ricas e variadas ilustracións cobrando vida”. Así será Anno Domini 1250, un videoxogo inspirado nos códices do século XIII, que está a desenrolar un equipo de Polonia, e que ten como parte da súa estética a música das Cantigas de Santa María.
E é que Anno Domini 1250 non é un xogo ó uso. Trátase dunha verdadeira recreación da arte e da historia medieval levada a un novo nivel a través da tecnoloxía. Preguntados polo noso xornal contáronnos a historia do xogo, de como un pequeno grupo de profesionais da cultura lanzáronse á aventura de darlle vida a un manuscrito case no seu tempo libre.
“A maioría dos integrantes do equipo de Anno Domini 1250 levamos preto de vinte anos coa recuperación histórica. E unha das fontes de información máis útiles sobre a cultura material do século XIII é unha obra coñecida como a Biblia Morgan ou, en Polonia, a Biblia Maciejowski”, traballando sobre ela pensaron na idea de darlle vida a todas as súas excepcionais miniaturas.
Un proceso inmersivo na Biblia Maciejowski
Cando “comezabamos o noso proxecto pensamos que sería fantástico ver todas esas ricas e variadas ilustracións cobrando vida con animacións, física, xogo e unha historia propia”. Por suposto, o manuscrito describe os acontecementos máis salientables do Antigo Testamento, porén, como a maioría das ilustracións da idade media, os traxes dos personaxes e os elementos cotiáns están representados como en tempos contemporáneos co artista.
Tiveron daquela que imaxinar unha historia para eles, inspirada nos xeitos de vida que describen as imaxes medievais. Trátase de que aqueles personaxes, creados 700 anos atrás, saian dos marcos do libro para desenvolver “unha historia de honor, lealdade e coraxe“. Mais “intentamos evitar crear a nosa propia arte. Todos os activos (personaxes, elementos, ambiente, etc.) na súa maioría son sacados directamente deste documento”.
Preguntados tamén pola influencia das Cantigas de Santa María cóntannos que “para ofrecer unha experiencia con ambiente medieval, a nosa banda sonora estará feita principalmente de melodías orixinais da idade media, incluíndo Cantigas de Santa María, Carmina Burana, diversas danzas, obras de Bertran de Born, Walther von der Vogelweide”.
Moito máis que un xogo de plataformas
“Outra cousa que especifica o noso proxecto é que é un xogo bastante lento”, explican os seus creadores. “Isto débese a que, a pesar de que estamos a facer un xogo de plataformas, aspiramos a unha certa dose de realismo”. Quixeron tamén que “o noso xogo sexa unha experiencia inmersiva que diferiría dos xogos, películas ou outros medios modernos“.
Trátase precisamente de que o patrimonio nos achegue a outros tempos, outras estéticas e outros xeitos de vida. Tamén “especialmente hoxe en día, cando podes acceder a calquera cousa que desexes con un par de clics e millóns de fotos, vídeos, sons e informacións”. “Queremos que o noso xogo sexa un bo cambio de ritmo”.
No tocante ó meme baile de cadaleitos, segundo os seus creadores, describe este proceso perfectamente. Os xogadores poden esperar que o meme apareza como un cameo no último xogo, así como outros moitos elementos que achegan ó xogo a cultura actual, como fenómenos virais, literatura e cultura pop.
Aínda que o xogo foi presentado na exposición Digital Dragons en Cracovia e no dajmy de Pog (R) en Częstochowa, haberá aínda que agardar ó primeiro trimestre de 2021 para gozalo.