fbpx
Paisaxes Tatuadas logo dos encontros / foto Consello da Cultura Galega

Como son as paisaxes tatuadas da nosa arte rupestre?

Tempo de lectura: 2 min.

Dende hai mais dunha década, está aberta unha importante liña de investigación sobre o encontro de grandes tradicións de arte rupestre prehistórica no noroeste peninsular. Nestes dous últimos anos vén a ser reforzada polo achado de sitios con Pintura Rupestre Esquemática ou Arte Esquemática Pintada nas áreas surorientais de Galicia e que confirma o seu enorme potencial.

Os motivos caracterízanse pola simplificación formal e polo uso de trazos lineais simples, dunha soa cor e en tinta plana, aplicada directamente coa xema do dedo (dixitación) ou con pinceis. O vermello como cor máis empregada, resultado de pigmentos de uso mineral e aglutinados con auga ou algunha materia graxa, aínda que poden aparecer outras cores.

Esta é a excepcional arte rupestre galega . Unha gran materia descoñecida nos libros de texto pero que a raíz dos últimos achados está a adquirir unha dimensión excepcional. Con máis de 50 sitios atopados na actualidade a arte rupestre do noroeste peninsular forma un conxunto dunha especial significación que compre ser analizada e estudada en profundidade.

 

Unha arte esquemática en vermellos

É por iso que o Consello da Cultura Galega organizou en febreiro deste ano unha xornada co obxectivo de analizar e amosar un panorama integrado destes achados, tendo en conta todas estas manifestacións. Agora, dentro dos Encontros  Monográficos do Patrimonio 30.5, trae ó medio dixital ese gran debate para dármonos a coñecer o estado actual da cuestión.

Tal e como se amosa nos encontros, nestes trazos a figura humana represéntase reducida aos seus trazos máis elementais, acompañada de motivos xeométricos, xeralmente obtidos a partir de liñas con ángulos rectos, manchas de puntos e aliñacións de barras verticais e ocasionais representacións de figuras solares e de cuadrúpedes. As imaxes parecen funcionar máis como ideogramas, sendo menos frecuente a representación de escenas.

Movéndose ó redor dos grandes ríos

Nos encontros tamén se nos fala da súa distribución. Polo xeral sur oriental de Galicia, seguindo a idea da continuidade xeográfica con estes conxuntos nos límites fronteirizos, como o val do Támega, na raia sur, ou o núcleo do Bierzo, polo Sil. Finalmente, dous descubrimentos casuais no ano 2017 na Cova dos Mouros da Fontaneira (Baleira, Lugo) e posteriormente no Penedo Gordo (Vilardevós, Ourense).

 

Recentemente, descubriuse un importante conxunto de pinturas en Casaio (Valdeorras, Ourense) e novamente na comarca de Monterrei, no conxunto arqueolóxico do Castelo das Laxes das Chás/Lobarzán. Moitos deses sitios sitúanse no ámbito xeográfico dos vales de ríos importantes, que serviron como corredores de circulación, polo que, tal e como se conta na charla, nos axudan a coñecer fenómenos como a mobilidade das poboacións e tamén a circulación das ideas.

Pode que che interese...