fbpx
Acceso e fistra arqueolóxica no Castro de Castrelo en Laxe / foto HdG

Lixo, plantacións e ata unha pista de cross no entorno, así está un castro escavado vai catro anos en Laxe

Tempo de lectura: 2 min.

O castro de Castrelo en Laxe foi salvado no ano 2009 de acabar baixo o trazado da estrada AC-433. O castro, que estaba catalogado, ficaba porén esquecido polas administracións e ó deseñarse a variante da estrada, que une a capital do concello coa vila de Camariñas, achouse unha parte excepcional do conxunto fortificado.

É por isto que, dende aquel momento e ata o ano 2016, tiveron que levarse adiante importantes obras para a investigación, conservación e recuperación da parte correspondente coa estrada. Desenvolveuse unha escavación de máis de 1.500 metros cadrados e preservouse o seu trazado cunha fiestra arqueolóxica.

Entre os restos atopáronse as súas portas e un singular camiño empedrado de acceso. Constatouse a semellanza da súa portada coa de castros como Elviña ou Baroña, e descubríronse singularidades da súa feitura, como o feito de atoparse nun lugar especialmente chan. A parte escavada foi ademais musealizada cunha pasarela de madeira e paneis informativos.

Unha intervención abandonada

O desenrolo do proxecto tivo paradas as obras da estrada durante un lustro, e para a súa escavación investíronse 3,5 millóns euros en conxunto. Porén o estado actual no que se atopa o xacemento non é o máis adecuado a aquel investimento. No tocante a parte escavada o recinto volve estar invadido de vexetación, sen que as autoridades locais fagan unha limpeza regular das plantas invasoras.

O mesmo acontece coa pasarela de acceso e divulgación que xa no seu día quedou cun difícil acceso nun dos seus extremos interrompida por un cun gardarrail. Porén o outro extremo facilitaba a entrada ó xacemento cun camiño de grava e ponte de madeira que contén o panel informativo. Hoxe o paso é imposible dada a altura da vexetación.

Novas ameazas para o castro

O castro ten tamén a particularidade de ter construída sobre unha parte da súa muralla unha vivenda. Porén este non é a única das inadecuadas actuacións sobre a súa croa, entorno inmediata e arredores. Intervencións que afean e dificultan a visita así como poñen en risco a conservación íntegra do xacemento.

E é que nunha parte da croa do castro atopamos xa o primeiro dos problemas. Pois a corta das árbores deu lugar a un espazo onde aínda a día de hoxe se atopan algúns desperdicios, como unha lona plástica e o que semella un antigo tendal, que non foi retirado ata o de agora. Atópase aquí tamén o nacemento espontáneo de eucaliptos así como unha plantación ortogonal de teixos a xeito de peche ornamental.

Fora da croa, e ó mesmo pé da muralla, no que ata non hai tanto era un herbal, atopamos tamén unha recente plantación de árbores froiteiras. Porén, algo máis lonxe, a uns 50 metros do recinto amurallado atopamos o elemento que máis nos chama a atención, os restos dunha pista artesanal de cross baixo o bosque mixto e de piñeirais que a día de hoxe cubre o entorno do castro. O castro foi declarado BIC no ano 2016.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...