fbpx
Santiago, Museo das peregrinacións / foto P.LameiroCCBy Wikimedia

Galicia celebra un inusual Día dos Museos inclusivo e dixital

Tempo de lectura: 2 min.

Dende hai máis de 40 anos o ICOM (Consello Internacional de Museos) celebra o Día Internacional dos Museos (DIM) o 18 de maio. O obxectivo  é concienciar sobre a importancia dos museos como medio para o intercambio cultural, o enriquecemento das culturas, así como para o desenvolvemento da comprensión mutua, da colaboración e da paz entre os pobos.

O Día Internacional dos Museos 2020 céntrase no lema Museos pola igualdade: diversidade e inclusión. Ten como obxectivo converterse nun punto de encontro para celebrar a diversidade de perspectivas que conforman as comunidades e o persoal dos museos, así como promover ferramentas para identificar e superar os prexuízos no que os museos mostran e nas historias que contan.

Este celebrarase mediante a organización de actividades dixitais e en liña, ó tempo que o ICOM propón ademais unha data alternativa para as celebracións de xeito presencial, Sería unha celebración de tres días entre o 14 de novembro, coincidindo coa Longa Noite de Museos, e o 74º aniversario do  ICOM, o 16 de novembro.

Detalle da visita virtual ó Museo Massó

Reflexionando sobre a inclusión

Entre as diversas actividades o Museo Etnolóxico de Ribadavia, reflexionará sobre a fenda dixital mediante a inclusión de persoas que están máis á marxe das novas tecnoloxías. O Museo Massó fará unha programación incidindo na problemática da inclusión dende a perspectiva de xénero, en torno ás mulleres empregadas na conserveira Massó; O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense enfocarase ós colectivos que non son público habitual do Museo.

O Museo do Castro de Viladonga propón a discusión entre a diversidade e inclusión na Antigüidade entre as culturas a castrexa e a romana. O Museo de Belas Artes da Coruña propuxo un #museonacasa ou #artenacasa, propoñendo ó acceso do seu público a creación de pezas. Pola súa parte o Museo das Peregrinacións e de Santiago ofrece on line a posibilidade de facer meditación e relaxación, así como de achegarse á cultura de Oriente. Estas son só algunhas das propostas para este día.

Museo e castro de Viladonga / foto viladonga.xunta.gal

Pode que che interese...