O mercurio, o grande axente contaminador que os romanos estenderon por toda a Gallaecia | Historia de Galicia
Recreación dunha mina romana na antiga Gallaecia / mineriaromana.blogspot.com

O mercurio, o grande axente contaminador que os romanos estenderon por toda a Gallaecia

Tempo de lectura: 3 min.

A investigadora da USC Noemi Álvarez Fernández, en colaboración con outros dous membros do grupo EcoPast, Antonio Martínez Cortizas e Olalla López Costas, acaba de analizar o impacto da exposición crónica ao mercurio en poboacións antigas. O artigo, publicado na revista  Journal  of  Archaeological  Science, avanza entre as súas conclusións que as poboacións romana e  tardoantiga que viviron na Lanzada entre os séculos I e VII  d.C. estiveron expostas de forma crónica a niveis relativamente baixos de contaminación atmosférica por  mercurio, o cal contrastaría con investigacións previas, centradas no estudo de altas concentracións deste metal relacionadas principalmente con ritos de enterramento, tratamentos médicos ou mesmo envelenamento.

“Neste estudo demostramos que a contaminación crónica por mercurio xa era un problema no período romano, como un prezo que tiñan que pagar pola intensa actividade mineira e metalúrxica na Península Ibérica. Hispania era a mina de Roma e como consecuencia os seus habitantes estaban contaminados por  mercurio mesmo en áreas tan illadas como A Lanzada”, explica Noemi Álvarez. A contaminación atmosférica ten estado presente ao longo de toda a historia humana. Estudos como o de EcoPast permiten constatar as consecuencias directas que tivo a explotación da contorna sobre o conxunto da poboación a través da contaminación atmosférica, unha contaminación do aire que se foi incrementando considerablemente ao longo dos séculos.

Mina Romana no Monte Groba

Esqueletos da Lanzada

O traballo levado a cabo a partir da colección de esqueletos da necrópole da Lanzada permitiu estudar a exposición á contaminación atmosférica por mercurio nun  lapso de tempo ininterrompido de 700 anos que, ademais, abarca dous períodos moi diferentes no que a contaminación atmosférica se refire. Trátase do período romano (s. I – IV  d.C.) e tardoantigo (s. V – VII d.C.), o que lles permitiu observar como afectan os cambios na interacción humano-ambiente nas propias poboacións humanas.

Este traballo profunda en como se transfire o  mercurio ao noso esqueleto utilizando restos arqueolóxicos. “Vemos por exemplo que todos os ósos están igualmente afectados cando a exposición é crónica, mentres que en contactos puntuais pero graves o esqueleto reflícteo con diferenzas entre os seus ósos: unha costela tería máis  mercurio que un fémur”, explican os investigadores. A investigación tamén permite entender cal é o alcance poboacional da exposición a metais tóxicos, xa que os nenos están igualmente afectados que as persoas adultas. Con todo, os pequenos son moito máis sensibles a esta exposición podendo desenvolver problemas de saúde graves. “As poboacións antigas son unha fonte inesgotable de coñecemento porque nos permiten entender a contaminación por mercurio nunha gran diversidade de escenarios que doutra maneira non sería posible”, continúan.

Explotacións mineiras e contaminación atmosférica

Durante o período romano, a Península Ibérica foi a grande mina do imperio, sobre todo no relativo ao mercurio. Cando o imperio romano cae, afúndese tamén con el esta intensa explotación de recursos mineiro-metalúrxicos. As consecuencias deste cambio vense reflectidas nos rexistros ambientais, que mostran niveis de contaminación atmosférica moi diferentes para estes dous períodos. Grazas a esta investigación, constátase a pegada do impacto da explotación intensiva dun recurso natural nas propias poboacións humanas.

Esta pegada que quedou rexistrada nos ósos dos seus habitantes, permite extraer unha lección do impacto que ten a contaminación ambiental sobre a poboación, especialmente cando se fala dun metal cunha toxicidade tan elevada como a do  mercurio. Ademais, durante a antigüidade, este metal tivo diversos usos culturais; entre eles o seu emprego con fins medicinais ou a utilización do  cinabrio –un mineral de cor vermella brillante, con alto contido en mercurio– en rituais funerarios ou na elaboración de pigmentos como o vermillón. Outras das aplicacións habituais do  mercurio é o seu uso na extracción de ouro ou na fundición doutros metais como a prata, o que podería conformar o detonante do incremento da súa presenza atmosférica na época de maior explotación mineira.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: