O único BIC do concello de Cartelle a en serio risco de derrubarse
A Torre de Sande, no concello de Cartelle está a piques de caer. Se así finalmente o fai, será despois de décadas de abandono por parte das administracións con competencias, así como dos propietarios, asentados na cidade de Madrid e que declaran non ter recursos para abordar a súa rehabilitación.
E é que, dende que foi declarada Ben de Interese Turístico Nacional en 1949 -hoxe Ben de Interese Cultural (BIC)-, sufriu un prolongado proceso de deterioro que nos últimos anos ameaza de xeito importante a esta fortaleza do século XII con virse abaixo. De feito a Torre de Sande ten a día de hoxe a triste honra de ser, non só o único BIC do Concello, senón de figurar tamén na Listaxe Vermella do Patrimonio de Hispania Nostra.
Un requerimento da sociedade
Non foron poucos os grupos e asociacións que puxeron o foco nos problemas desta torre, e nos últimos anos. Tanto a Asociación de Veciños Castelo de Sande como a asociación ecoloxista Adega, trataron de chamar a atención sobre a necesidade urxente de intervir sobre ela. Esta última levou o tema no ano 2017 ante a Valedora do Pobo.
Tamén a deputada do BNG Noa Presas levaba o tema á comisión de Patrimonio do Parlamento de Galicia, solicitando a aplicación da lexislación. Foi precisamente polas presións destes grupos os nacionalistas conseguiron o respaldo da corporación municipal, do PP, para buscar unha solución. Así, nos pasados días, o seu alcalde, Jaime Sousa, pedira a intermediación da senadora popular Carmen Leyte ante os propietarios.

Torre de Sande en Cartelle / foto LansbricaeCCBy Wikimedia
O Concello, obrigado a á expropiación do Ben
Pola súa parte a Dirección Xeral de Patrimonio, afirmou que inspeccionará nos vindeiros días o ben para rexistrar o seu estado. Mais dende o departamento poñían de relevo, segundo se llecolle noutros medios, que “a Xunta non é a propietaria do ben e, polo tanto, tampouco resulta responsable da súa rehabilitación e conservación”.
Porén, a pesares destas afirmación, e segundo marca a Lei 5/2016 de 4 de maio de Patrimonio Cultural de Galicia, as administracións con competencias son as encargadas da protección e salvagarda do Patrimonio, afirmándose no seu artigo 33.1 que a Xunta de Galicia fomentará medidas e actuacións dirixidas a garantir a protección do patrimonio cultural de Galicia.
Do mesmo xeito no seu artigo 2.3 afírmase que “as administracións locais teñen a obriga de adoptar, en casos de emerxencia, as medidas cautelares necesarias para salvagardar os bens que viren a súa integridade ou valor ameazados”. Tamén como se recolle no seu artigo 51.1 existe a posibilidade da expropiación forzosa “ante o incumprimento do deber de conservación dos Bens de Interese Cultural”.