A rehabilitación da quinta da Finca do Espiño, despois de décadas de agarda, máis preto que nunca
Podería estar rematada para finais do vindeiro verán de 2021. Convertido nun edificio de usos múltiples de carácter cultural, o palacete modernista da Finca do Espiño, do barrio de Galeras de Santiago de Compostela, iniciará en breve as súas obras. Farao despois de décadas de agarda, de diferentes proxectos e edificabilidades e pasando por tres gobernos locais distintos.
E é que a excepcional edificación do arquitecto Jesús López de Rego conseguía no pasado xaneiro licencia e orzamento para a súa intervención, despois de que un proxecto anterior quedara frustrado por orzamento insuficiente. Será agora por 1,4 millóns de euros e desenvolverase en 12 meses, devolvendo á cidade unha peza excepcional do seu patrimonio residencial. Así o recolle o xornal El Correo Gallego.
Un intento modernista de emular o mundo dos pazos
A quinta da Finca do Espiño, construída pola familia Gutiérrez de la Peña no cambio de século, foi un intento romántico de emular o mundo dos pazos dende a modernidade decimonónica. Tratábase de crear unha quinta de recreo, ou unha nova residencia fora do centro urbano, que se unira a representatividade pacega con unha estética renovada e moderna como era a do Art Nouveau.
O resultado foi un excepcional edificio, que contaba con elementos como torres ou capela, pero que á vez empregaba unha linguaxe decorativa innovadora, filla dun eclecticismo que estaba a recoller os novos aires do Art Nouveau. Construído no interior dunha gran propiedade axardinada co paso dos anos e co posterior abandono o edificio e lugar acabou por converterse nun dos lugares máis fascinantes da cidade, hoxe por fin en vías de rehabilitación.

Gárgola na Finca do Espiño / foto Ignacio Vidal Franco CCBy Wikimedia