Descobren pola transcripción de documentos antigos seis novas mámoas nos Ancares
O colectivo Patrimonio dos Ancares localizou seis novas mámoas nos nos concellos de Becerreá, Navia de Suarna e Negueira de Muñiz. Fixérono a comezos deste mes de xuño despois de coñecer, grazas a documentos antigos, a súa existencia. O achado, singular polo súa metodoloxía, xa foi posto en coñecemento da Dirección Xeral de Patrimonio para o seu inventariado.
Trátase de seis mámoas, tres localizadas en Becerreá, nas parroquias de Vilamane e Quinta de Cancelada, dúas en Navia de Suarna, na parroquia de Queizán e unha en Negueira de Muñiz, en San Pedro de Ernes. As mámoas descubertas teñen entre 13 e 21 metros de diámetro e diferentes estados de conservación, mais todas identificables.
As mámoas ficaban descritas en diferentes textos, dende 1683 ata 1875, en documentos como o Catastro de Ensenada (1752), contratos parcelarios privados ou outros documentos históricos. Isto é posible pois as mámoas serviron en case todos os casos como marco de linde entre propiedades e parroquias. A nova recóllea Lugo Xornal.

Mámoa atopada en Becerreá / foto Patrimonio dos Ancares