Saen á luz dez novos exemplos que demostran os grandes erros do visor de usos forestais da Xunta
Un número considerable de erros de xeolocalización de xacementos que poñen en perigo os sitios arqueolóxicos e monumentos de facerse cortas ou plantacións nos montes de Galicia. Este é o problema de especial gravidade que ten o patrimonio galego nestes momentos polos erros que se están a atopar no visor de usos forestais da Xunta de Galicia.
E é que nos pasados días a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) e Mariña Patrimonio poñían unha vez máis de relevo o problema e reclamaban á Consellería de Cultura a corrección dos erros. Pedíase que se revisara a información xeográfica do patrimonio cultural vertida no visor da Xunta de Galicia para evitar máis que posibles desfeitas.
Dez xacementos ameazados en Foz, Xove, Viveiro e Barreiros.
O perigo é inminente, dado que o decreto 73/2020, que entrará en vigor o 9 de xuño, axilizará e simplificará este tipo de procedementos. É por isto que ADEGA e Mariña Patrimonio sumaban a unha primeira revisión do documento, que publicamos nos pasados días, varios novos casos. Figuran agora entre a nómina dos máis salientables a nivel provincial, segundo os colectivos os seguntes:
1. Castro de Quenllas do Forno (Guitiriz): o visor só marca como zona protexida 1/3 do xacemento real.
2. Castro O Curveiro-Nois (Foz): A maior parte do xacemento quedou fóra da delimitación deste castro costeiro.
3. Castro de Meirengos (Ribadeo): Das 4 hectáreas que ocupa este xacemento, só se sinala como superficie protexida 0,5 Ha.
4. Castro da Vela (Xove): A Xunta reduce a zona protexida deste castro de 6Ha a 0,45Ha no visor de aproveitamentos forestais.
5. Castro Castelo (Xove): Neste caso, o erro consiste en darlle máis superficie ao castro da que ten. De 1Ha pasaría a sinalarse erroneamente unha superficie protexida de 8,5 Ha.
6. Mina romana de ouro da Espiñeira (Foz): A extensión que ocupa esta antiga mina romana de 45 Ha é reducida pola Xunta a 2 Ha no visor de aproveitamentos forestais.
7. Castro da Forca (Viveiro): Mentres que a superficie real do xacemento é de 0,36 Ha, a Xunta dá por válida unha delimitación que amplía esta superficie a 4 Ha.
8. Mámoa de Tras As Airas (Fonsagrada): A Xunta localiza esta mámoa nunha ladeira de forte pendente, a 1 quilómetro de distancia de onde realmente está situada. Ademais nesta zona, fican 2 mámoas por catalogar e, por tanto, quedan desprotexidas.
9. Arquela da Pruída (Fonsagrada): A Xunta despraza esta mámoa 123 m da súa localización real.
10. Antiga capela e cemiterio de Santo Estevo do Ermo (Barreiros): A Xunta sitúa esta antiga igrexa no aparcadoiro da nova capela, a 120 m da súa correcta xeolocalización.
Reclaman o pronunciamento da Consellería de Cultura
Vinte días despois da denuncia, segundo os colectivos, a Consellaría de Cultura segue sen contestar e sen explicar de que forma vai proceder para reparar os erros detectados. Tamén, se van facer unha revisión profunda e completa da actualización dos datos de xeolocalización do patrimonio cultural no visor, tal e como lle foi requirido por ADEGA e Mariña Patrimonio.
Este organismo é o único que fica por contestar á reclamación. Pois ambos colectivos xa recibiron notificación da Consellaría de Medio Rural e da Consellaría de Medio Ambiente, a través do Instituto de Estudos do Territorio. Nela non desmenten a existencia de erros e descargan toda responsabilidade na Consellaría de Cultura, concretamente, na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Un chamamento a denunciar os erros
É por isto que ADEGA e Mariña Patrimonio fan un chamamento ás persoas e asociacións preocupadas e interesadas polo patrimonio cultural de Galicia. Piden que revisen e denuncien calquera erro de xeolocalización ou delimitación que detecten no visor de aproveitamentos forestais para evitar, no posible, a destrución irreparable do patrimonio protexido.