Santa Baia de Palio, a igrexa prerrománica con pinturas do s. XVI a piques de recuperar o seu esplendor
A igrexa prerrománica de Santa Baia de Palio, na parroquia Cercio en Lalín retoma as obras de restauración. Faino despois de que nunha primeira actuación, básica e ata certo punto urxente, permitira a súa consolidación e sacala do estado de ruína que tivo durante décadas.
Agora, nun segundo momento inícianse as obras financiadas pola Consellería de Cultura que entre outros aspectos permitirán a recuperación das pinturas murais que conserva, do século XVI. A intervención, cunha inversión de ó redor de 50.000 euros e un prazo de execución de tres meses, prevé a intervención nas paredes, pintura, tribuna, iluminación e adro.
Unha gran Anunciación e un Pantocrátor
A retirada dos retablos do templo permitiu descubrir pinturas do século XVI. Están sendo nestes momentos restauradas pola empresa Crea Restauración, que chegaron a datalas en 1585. Antes do Estado de Alarma tíñase previsto unha visita aberta ó público dos traballos, pois xa se poden admirar integramente. Porén resta aínda aplicar os morteiros finais e rematar a reintegración.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña tras a restauración de 2017 foto / xunta.gal
E é que as obras avanzan a bo ritmo e serán rematadas en breve. Nela poderán verse escenas como unha gran Anunciación, co Anxo e a Virxe, ou un gran Pantocrátor no muro do retablo, cunha iconografía moi significativa. As imaxes son especialmente sorprendentes para un templo dun tamaño tan reducido.
Recuperación dos morteiros, iluminación e adro
Ademais da restauración das pinturas tamén se están a desenvolver traballos na tribuna, nos paramentos e no muro do adro. A tribuna de madeira tivo que desmontarse, recuperáronse dúas das vigas orixinais e parte da balaustrada e escaleiras. O resto tivo que refacerse con madeira de castiñeiro.
As fachadas interiores rematarán de consolidarse e contarán cun novo encintado de morteiro de cal. Tamén se recuperará o muro do adro que se atopa derrubando en varios tramos e acondicionarase tamén o pavimento do adro e engadirase un muro de granito a xeito de banco. Ademais renovarase a instalación eléctrica e a iluminación.

A igrexa prerrománica de Santa María de Palio, en Lalín, cunha escasa cuberta, antes da súa restauración /enkiarquitectura.com