fbpx
Anteproxecto rehabilitación Teatro Principal infografía / Estudio César Portela

Tui recuperará o seu Teatro Principal cun proxecto do prestixioso arquitecto César Portela

Tempo de lectura: 2 min.

O 24 de xuño de 1891 celebrábanse os Primeiros Xogos Florais de Galicia. Era o primeiro acto público celebrado integramente en galego e un acto especialmente importante para Rexurdimento. O acto fixérase no daquela maxestoso Teatro Principal de Tui, unha das iconas do progreso da vila.

Porén o Teatro Principal de Tui co tempo quedou en desuso e os intentos por recuperalo adiáronse unha e outra vez ata acabar convertido interiormente en cascallos. Porén a corporación de Enrique Cabaleiro decidiuse a recuperalo, e agora, presentouse finalmente o proxecto para a súa rehabilitación da man do prestixioso arquitecto César Portela.

 

Foi presentado no día de onte nun acto no que estiveron presentes tanto o alcalde da vila o concelleiro de Patrimonio, Laureano Alonso, o arquitecto César Portela, e membros dos diferentes grupos políticos que compoñen consistorio e oposición. En palabras do alcalde “é o primeiro paso a dar cara á rehabilitación deste edificio tan emblemático da nosa cidade”.

Capacidade para 200 persoas e un gran miradoiro sobre o río

César Portela xa proxectara na década de 1980 o primeiro proxecto para a rehabilitación. Segundo el trátase nun edificio que coñece dende neno é o que asistira coa súa familia  e xunto a Celso Emilio e Álvaro Cunqueiro. Mais aquel primeiro proxecto, cando aínda era posible recuperar a estrutura interior, nunca se levou adiante.

Anteproxecto rehabilitación Teatro Principal pranta / Estudio César Portela

Agora proponse un edificio renovado e adaptado ás novas necesidades. Estará articulado en tres andares e, ademais de capacidade para 200 persoas, entre patio de butacas e dúas plateas, terá salas de usos múltiples e unha cafetería cunha gran galería con vistas ó río Miño, á Ponte das Correntes é a Portugal.

Terá tamén un gran lucernario que permitirá iluminar naturalmente os tres andares. O proxecto inclúe tamén a reforma da praza de Fromista creando un conxunto praza-teatro-miradoiro, chamado a converterse nun dos lugares destacados da cidade histórica.

Presentación do anteproxecto / foto Concello de Tui

Un proxecto de 3 millón de euros na busca de orzamento

Porén o proxecto non deixa de ser precisamente un primeiro paso. Xa que a recuperación do Teatro Principal suporá un investimento de case 3 millóns de euros e, tal e como explicaba o seu alcalde “o Concello de Tui por si so non dispón da capacidade financeira para asumir esta rehabilitación”.

Por iso quérese iniciar contactos coa administración provincial, autonómica e estatal, para lograr os fondos precisos. Porén o Concello si poderá asumir os primeiros pasos, aquelas actuacións máis urxentes coma o desentullo ou as catas para coñecer a situación do terreo. Trátase, como afirmaba Cabaleiro da recuperación “dun sinal de identidade desta cidade e da cultura do noso país”.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...