fbpx
Fotos históricas do Ézaro no xornal Que pasa na Costa

Un xornal da Costa da Morte recolle as primeiras imaxes e textos coñecidos do salto do Ézaro

Tempo de lectura: 2 min.

No ano 1888 publicábase por primeira vez unha fotografía do salto do río Xallas no Ézaro, ó pé do Pindo. Aparecía no libro Galicia, de Manuel Murguía e nel pole verse un primeiro plano do salto de auga tal e como era antes da construción da central. Mais tarde aparecía de novo, xa no ano 1903, nunha tarxeta postal da casa Ferrer da Coruña, xa nun plano moito máis aberto xunto cunha embarcación, o esteiro e a central hidroeléctrica en construción.

A partir do ano 1904, momento no que se retratan múltiples aspectos da inauguración da central eléctrica, a imaxe deste salto de auga faise máis habitual aparecendo en conxuntos de postais en 1905, 1907 ou 1920. O valor de todas estas imaxes é excepcional, xa que nela pode verse o salto antes, durante e despois da das diferentes etapas de construción e ampliación da central. Tamén a evolución da imaxe icónica do lugar que herdamos das súas primeiras fotografías.

Fervenza de Ézaro tras a construción da Central do fotógrafo Lacoste / foto Que pasa na costa

E é que o xornal da Costa da Morte Que pasa na Costa publicou o pasado día 6 un excepcional traballo de recuperación e análise, feito por Suso Jurjo, historiador e Técnico de Cultura no Concello de Mazaricos. Nel aparecen recollidas e analizadas as primeiras imaxes do salto de auga dende a foto de 1888 ata o ano 1936, momento da viaxe da fotografa, Ruth Matilda Anderson, que se publicará máis tarde, en 1939.

Ademais, o traballo publicado no xornal non se limita só as fotografías, senón que analiza tamén a imaxe recollida do salto nos seus textos. A primeira descrición do salto aparece recollida xa en 1724 por Xosé Isla de la Torre, Alcalde Maior dos Estados de Altamira, así como despois na Viaxe por Galicia do Pai Sarmiento, de 1745.

Tamén aparece nas diferentes mencións nos dicionarios xeográficos e das revistas ilustradas dos séculos XIX e XX, así como noutros textos como a alusión dos poetas en libros como o El Album de la Caridad. A publicación é un traballo excepcional que nos permite entender como cambiou ó longo do tempo a nosa percepción deste lugar, e que continúa unha serie de investigacións, como a publicada no pasado mes de abril, na que tamén se afondaba sobre as primeiras fotos conservadas do faro de Fisterra.

Salto do Ézaro na actualidade / foto dkatana CC0

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...