Veciños en pé de guerra pola desaparición das árbores centenarias do “Obradoiro de Conxo”
“Esnauizron unha praza histórica en Conxo e agora queren talar dúas enormes árbores de máis de 80 metros para poñer máis lousas na pequena praza do Obradoiro de Conxo. Que se respecten cando menos as árbores como monumento histórico natural deste entorno de máis de 1000 anos de antigüidade como demostra o Claustro románico del Sanatorio Psiquiátrico”.
Esta é a denuncia pública que un colectivo de veciños da cidade de Santiago de Compostela e en concreto os do histórico barrio de Conxo lanzaron na plataforma Change.org. Piden que ás administracións, e en concreto a Xunta de Galicia, promotora da obra, pare a tala prevista para as árbores da histórica praza.
O pequeno Obradoiro de Conxo
E é que, tal e como xa contamos no seu día no noso xornal, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia está a construír unha praza diante da igrexa e do psiquiátrico de Conxo. O proxecto forma parte dun plan de intervención nos accesos do Camiño de Santiago que afectará ós barrios de Conxo e de San Lázaro, para o que a Xunta destinou 9 millóns de euros.
- Proxecto para o novo Conxo
- Conxo / foto Turismo de Galicia
A obra, que fora anunciada vai agora dous anos pola Conselleira de Infraestruturas e Vivenda Ethel Vázquez, ocuparía o lugar no que ata o momento se atopaba unha praza, xardín e aparcadoiro diante do monumento. Na presentación chamaron especialmente a atención as palabras da conselleira que definía o proxecto como “o pequeno Obradoiro de Conxo”.
Coníferas de máis de 20 metros
O proxecto prevé un espazo único do que outrora estaba dividido en varias zonas, nun proxecto previsiblemente de mediados do pasado século, que será substituído por unha praza única. A antiga obra, feita en cantería, lousa e chapacuña, contaba cun frondoso xardín ó que previsiblemente se engadiran as árbores anteriores.
Trataríase de dúas coníferas de entre de 20 e 25 metros, un teixo e varios plátanos. Estes últimos, se ben mutilados nas podas, poderían ser coetáneas do deseño do espazo, con máis de medio século. Porén coníferas e teixo serían seguramente anteriores, coetáneas de algunha das reformas do convento, como ocorre en outros lugares.
- Mosteiro de Conxo / foto JCLamela CCByWikimedia
- Adro do mosteiro de Conxo durante a celebración do Banquete de Conxo / foto Historia de Galicia
Unha praza só para os peregrinos
Os promotores da petición afirman que a praza proxectada “só está pensada para os peregrinos, que pasan unha vez, e se esquecen dos veciños que estamos todos os días na praza“. Tal e como recolle outro medio, para o colectivo as árbores “forman parte da vida do barrio, e non se poden quitar sen máis porque non lles gustan”.
Se ben a Xunta de Galicia non se pronunciou sobre o tema si o fixo o alcalde da cidade. Bugallo afirma que as árbores non están protexidas e que se plantarán outras árbores no lugar. Tamén afirma que a cidade ten máis de 250.00 árbores urbanas. A petición, lanzada vai tan só dous días, leva recadadas preto de 600 sinaturas.

Conxo / foto Turismo de Galicia