fbpx
Castelo de Navia de Suarna / foto turismo.gal

Así estamos a perder os castelos dos Ancares

Tempo de lectura: 3 min.

Tres anos de traballo, un extenso patrimonio, e unha conclusión clara: estamos a perder os castelos da comarca dos Ancares. Pois o colectivo Patrimonio dos Ancares, a xeito individual e sen axuda das institucións, ven de completar o inventario dos castelos, torres, pazos, casas señoriais e escudos de armas da comarca onde veñen de comprobar o seu mal estado.

En perigo, en ruínas ou xa desaparecidos, a situación destes inmobles do noso patrimonio, a meirande parte deles Ben de Interese Cultural, contrasta fortemente co doutras zonas de Galicia e mesmo cos do Bierzo. Alí as actuacións das Administración públicas respecto á consolidación e restauración dos seus castelos deixan en evidencia a pasividade das administracións galegas.

Torre de Doncos / foto Adrián Estévez WikimediaCCBy

Porén, nos Ancares, “como moito ilumínanse ou constrúense miradoiros para ver mellor como se veñen abaixo”. Dende a asociación instan a respectar este patrimonio dotado da máxima protección legal e a intervir neles antes de perdelos.

Un patrimonio extenso é excepcional

En concreto, a asociación documentou 18 fortalezas, (2 en Baralla, 4 en Becerreá, 4 en Cervantes, 3 en Navia de Suarna, outras 3 nas Nogais e 2 en Pedrafita). Tamén outras tantas casas señoriais ou pazos (5 en Baralla, 2 en Becerreá, 3 en Cervantes, 4 en Navia, 2 nas Nogais e 2 en Pedrafita).

Situación da muralla exterior do Castelo de Torés, en As Nogais / Xavier Moure

Tamén documentaron 14 castelos que desapareceron e dos que só queda o nome e algúns restos que practicamente pasan desapercibidos, tal e como apuntan. Sete deles localízanse en Baralla, tres en Cervantes, outros tres en Navia e un en Becerreá. Deste último, o de Pena Agüeira, sábese que foi destruído durante a Revolución Irmandiña.

Os restantes, situados en outeiros rochosos, semellan ser “os máis antigos, probablemente da época altomedieval”, tamén en moi mal estado. Porén amosan a excepcional singularidade patrimonial e paisaxística desta zona, e as súas posibilidades como recurso turístico.

Castelo de Torés, en As nogais, en estado ruinoso / Xavier Moure

Doiras, o único que se conserva en boas condicións

“Respecto ós castelos e torres que se conservan, o seu estado é moi malo. Só se salva o de Doiras, en Cervantes”, como explica o noso colaborador Xabier Moure. Outras fortalezas emblemáticas da comarca como a da Vilameixe (Baralla), Dumia e Quindous (Cervantes), A Pobra de Navia (Navia de Suarna), Doncos e Torés (As Nogais), ou a Casa-torre de Veiga de Forcas (Pedrafita do Cebreiro) atópanse “en ruína ou semirruína”.

O mesmo problema acontece nas casas señoriais, que ou ben sofren un “total abandono” ou ben foron moi modificadas. Tamén os bens patrimoniais máis abundantes, os escudos de armas están en moi mal estado. Un número moi elevado deles foron reempregados noutras construcións distintas ás que as acolleron inicialmente. Alomenos doce terían desaparecido en roubos ou vendas.

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...