Como son as nosas vilas históricas para os ollos das nenas e nenos?
“Nun tempo tivemos medo do monte. Era o monte de lobo, do ogro, da escuridade. Era o lugar onde nos podíamos perder. Cando os avós contábannos contos, o monte era o lugar preferido para ocultarse os inimigos, as trampas, as angustias. […] Nun tempo, sentímosnos seguros entre as casas, na cidade, co vecindario. Este era o sitio onde buscabamos ós compañeiros, onde os atopabamos para xogar xuntos”.
“Pero en poucas décadas, todo cambiou. Houbo unha transformación tremenda, rápida, total, como nunca a viu a nosa sociedade (polo menos segundo consta na historia documentada). […] O monte pasou a ser fermoso, luminoso, obxecto de soños e desexos. A cidade, en cambio, converteuse en algo sucio, gris, monstruoso“. Esta é a historia de Francesco Tonucci que recolle a web do proxecto A Vila do Mañá.
Trátase dun proxecto que quere volver a facer que a cidade sexa “o noso sitio, o noso lugar”. A Vila do Mañá é un proxecto educativo que, dende a infancia e a través do xogo, permitirá tomar conciencia de todas as escalas do común: a arquitectura, o patrimonio, o urbanismo e a paisaxe. Co obxectivo de que os nenos aprendan a mirar os seus espazos con dúas poderosas ferramentas: a arte e a arquitectura.
A cidade como taboleiro de xogos e laboratorio de experiencias
Este é o proxecto no que traballan a Deputación da Coruña e o estudo de arquitectura Post Arquitectos para crear a reflexión crítica dos máis cativos sobre as nosas vilas. O proxecto A Vila do Mañá, conta ademais coa colaboración de 16 concellos da Asociación para a defensa do patrimonio galego (Apatrigal) e a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC).
Trátase de que a vila se converta nun taboleiro de xogos e laboratorio de experimentación no que os nenos e os adolescentes poidan actuar dende un novo punto de vista. Son exploracións de 5 días con actividades con nenos de 3 a 5 anos dentro do taller e actividades experimentais exteriores desenvolvidas con nenos de 6 a 17 anos.
“Queremos dar voz ós que normalmente non a teñen, os nenos e os adolescentes, impulsando o seu dereito para formarse un xuízo propio do hábitat no que viven e a poder expresalo e poñelo de manifesto” afirman no proxecto. “Buscamos estimular unha actitude crítica para impulsar o seu desenvolvemento como unha cidadanía activa. Pois eles serán os responsables da cidade do futuro“.
Arteixo, Bertamiráns, Bueu, Cambados, Carballo, Ferrol, Malpica, Milladoiro, Mondoñedo, Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira, Santiago de Compostela, Verín e Vilagarcía serán nesta edición as vilas galegas que participarán no proxento. Mais tamén participarán dende a cidade de Sao Paulo.