fbpx
Petróglifo da Coutada (Augasantas) / foto Capitan Gosende

Excepcional achado nun valado de Cotobade

Tempo de lectura: 4 min.

O día 13 de xullo, ó correo de Capitán Gosende chegou a noticia dun gravado rupestre inédito en terras de Cotobade. O noso informante, Pedro Eiras Adán, veciño da parroquia cotobadesa de Augasantas, puña no noso coñecemento a localización do petróglifo e engadía, moi amabelmente, unhas fotografías do mesmo. Amais, salientaba que aínda ninguén se ocupara do seu estudo ou documentación. Dende o primeiro instante, a inscultura cativounos polo seu feitío e circunstancia.

Pedro Eiras reside na aldea da Coutada e, segundo a conversa mantida por teléfono, o gravado situábase perto da súa casa. Ao día seguinte, pola fresca, reprogramando os nosos quefaceres matinais, membros do colectivo Capitán Gosende dirixímonos á procura do tesouro.

Petróglifo da Coutada (Augasantas) / foto Capitan Gosende

Chegamos á Coutada a iso das 11 horas. Pedro Eiras agardaba por nós no sitio convindo. Tras as presentacións, apenas demos catro pasos do lugar onde estacionaramos os vehículos, cando, nun cachote do valo que choe as chamadas Veighas da Porta, advertimos a presenza dunhas magníficas combinacións circulares. “Veighas da Porta” pareceunos un topónimo común e pouco esclarecedor, polo que decidimos nomear o achádego “petróglifo da Coutada” (coordenadas.- X: 543.770; Y: 4.697.972; alt. 470 m).

O gravado rupestre tallouse en orixe nunha rocha granítica (gran groso) que ou ben afloraba nas inmediacións do casarío ou ben, non moito máis lonxe, nas lombas pedrosas do monte da Coutada que se ergue a poñente da aldea. En época non precisada, a laxa foi obxecto de racha e os fragmentos extraídos empregáronse como material de construción dun valado tradicional. O cachote que conserva a inscultura posúe unha altura máxima de 1 m, unha lonxitude máxima de 1’15 m e un fondo máximo de 53 cm, situándose no alicerzado da murada. Escusamos dicir que a face insculpida do cachote se orientou cara ao camiño (descoñecemos se intencionadamente), obrigándonos a contemplar o petróglifo en vertical.

Petróglifo da Coutada (Augasantas) / foto Capitan Gosende

Un valado con máis dun século

A señora Idelina Insuela, muller nonaxenaria, refire que o muro é anterior a ela, pois o lembra de sempre, “tal cal está hoxe”. Precisa, non obstante, que antigamente a anchura do camiño era menor: “apenas collía un carro”. Denantes, este vieiro flanqueábase por muros de pedra. Antano e hogano, o carreiro é un ramal da estrada que atravesa (N-S) o poboado da Coutada e, asemade, a vía de acceso ao casal e á faldra sur do monte comunal.

O testemuño da señora Idelina deixaba translucir que, amais do asfalto que cobre o empedrado do camiño, os cachotes da sección do muro onde se atopa o petróglifo foron desprazados co adaxo de gañar largura. Entre o muro e o carreiro peado abriuse unha gabia pola que discorre a auga que reverte da fonte pública. A parte inferior do gravado rupestre fica por debaixo do empedrado da gavia e, xa que logo, por debaixo do nivel da auga.

Dúas combinacións circulares aliadas tipo “castañola” 

O petróglifo da Coutada (ou o fragmento conservado) componse de dúas combinacións circulares aliadas (tipo “castañola”). As dimensións do binomio acadan os 80 cm de longo, os 70 cm de largo e os 86 cm de diagonal. A matriz desprega 8 círculos concéntricos con coviña central. Contados do centro á periferia da figura, o segundo círculo concéntrico non pecha, senón que prolonga dous raios que serven de guías á figura anexa, a cal desprega 6 trazos circulares concéntricos sobre o raio superior e 5 trazos circulares concéntricos entre o raio superior e o inferior. O raio superior ten unha lonxitude de 46 cm.

Petróglifo da Coutada (Augasantas) / foto Capitan Gosende

O petróglifo da Coutada, de fasquía labirintoide, lémbranos o deseño do petróglifo do Outeiro do Mestre, localizado no monte de Deán, na parroquia cerdedesa de Figueiroa, a pouco máis de 13 quilómetros, en liña recta, cara ao nordés (Véxase: O legado dos homes pequenos. Gravados rupestres de Cerdedo, Ed. Morgante, 2017, pax. 207).

O petróglifo da Coutada localízase a pouco máis de 500 m, ao noroeste, do leito do río Calvelle, afluente do Verdugo. Probabelmente, hai 4.500 anos, unha comunidade prehistórica estableceuse ao pé da corrente fluvial e o seu xamán escolleu un laxote preeminente como lugar sagrado. Se non figuraba nos seus plans visitar a aldea da Coutada, agora xa non teñen escusa.

O petróglifo da Coutada fai o cuarto gravado rupestre documentado polo colectivo Capitán Gosende en Cotobade. Na Coutada, a contorna promete. Seguiremos informando.

Membros de Capitán Gosende a carón do gravado rupestre da Coutada / foto Capitan Gosende

Escrito por

Profesor, investigador e etnólogo

Pode que che interese...