Manifestacións en Ourense para evitar o traslado do cedro da cabeceira da catedral
As reaccións ó traslado do monumental cedro que preside a praza dos Suaves, dende a que se divisa a cabeceira da catedral de Ourense, sucédense. Despois de que varios colectivos e asociacións amosaran o seu malestar polo traslado, o pasado venres chegou a quenda das concentracións.
Pois o 17 producíase a primeira manifestación contra o anunciado traslado da árbore. Foi na propia praza en contra da decisión do alcalde de Ourense de eliminar o cedro do lugar. A manifestación, que foi organizada polo colectivo Amigas das Árbores, tivo como lema “se perdemos as árbores perdémolo todo”.
“Dende as Amigas das Árbores de Ourense convocamos, a toda aquela cidadanía sensible, comprometida coa beleza verde e responsable fronte ao cambio climático, a unha xuntanza en desagravio pola desfeita do patrimonio natural da nosa cidade”. Na manifestación puido verse mesmo a Yosi de Los Suaves, a praza que leva o seu nome.
Ademais o pasado día 15 aparecía un cartaz baixo a árbore pedindo “non me tales por favor”, e dende que se coñece a noticia estanse a suceder as reaccións nas redes sociais. A meirande parte das críticas acusan ó alcalde da unilateralidade na toma da decisión e se apunta a gran dificultade técnica dun traslado semellante. Por isto non son poucos os que pensan que chegado o momento a árbore será cortada.