O catedrático que estuda a Casa Cornide afirma que foi “un capricho” de Carmen Polo
“Da documentación que manexei foi un agasallo político claro e un capricho da muller de Franco. Eles a quixeron, pero nunca a quixeron mercar. As facturas da reforma de 1964, cando xa era propiedade da familia Franco, foron pagadas polo Concello”. Mais, “a miña opinión pode ser unha e a dos xuíces, outra”.
Con esta rotundidade fala Alfredo Vigo Trasancos, catedrático de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, e un dos grandes expertos a nivel mundial de arquitectura da Idade Moderna. Facíao nunha entrevista para o xornal La Voz de Galicia, pois, tal e como xa informamos, está a dirixir a investigación encargada polo Concello da Coruña para declarar BIC o histórico edificio.
Segundo se afirma na entrevista, a dona de Franco estivo interesada na edificación pois nas súas visitas á Coruña servíalle para non ter que mudarse ó Pazo de Meirás, e percorrer un longo camiño. Isto tería provocado algúns “movementos sorprendentes e estraños” que darían como consecuencia a merca e doazón por Pedro Barrié de la Maza.
Mais Alfredo Vigo fala, sobre todo, da importancia histórica e artística da vivenda. “Dende o punto de vista patrimonial, a casa ten, sen dúbida, valores arquitectónicos de carácter histórico e artístico que a fan moi singular e practicamente única“. Afirma que “todo está a favor para que sexa BIC. Como arte, a súa arquitectura ten uns valores totais”.