fbpx
cargadoiro de mineral de Rande / foto asociacionrandepatrimonioeuropeo.blogspot.com

O Porto de Vigo desmantelará o cargadoiro de Cotto Wagner coa oposición de asociacións, colectivos e institucións

Tempo de lectura: 2 min.

O cargadoiro de Rande, máis coñecido como cargadoiro Cotto Wagner, polo nome do seu promotor, está en boa medida sentenciado. A súa futura perda “precipitouse nos últimos meses despois de que a Autoridade Portuaria de Vigo solicitase ó desmantelamento ó Ministerio de Cultura“, tal e como recolle a Asociación Rande Patrimonio Europeo (ARPE).

E é que a ARPE leva tempo chamando a atención sobre este posible desmantelamento. Mais agora a desaparición faise máis que inminente. Pois, segundo recollen, e como esta puido coñecer a través do Concello de Redondela, o Porto lle enviou xa a solicitude de desmantelamento ó Ministerio de Cultura a través da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Histórico.

Segundo a asociación a solicitude para desmantelar o ben cultural estaría xustificada polo Porto por atoparse neste momento estado de ruína. Isto podería implicar causas de perigo físico, como caída de obxectos de partes en mal estado, e perigo para a saúde pola existencia de amianto nas súas partes de uralita.

cargadoiro de mineral de Rande / foto asociacionrandepatrimonioeuropeo.blogspot.com

Un posible cemiterio de barcos

Mais segundo apuntan dende a asociación é moi posible que o desmantelamento responda “a intereses económicos e a outras vontades de actividade diferentes ao interese xeral de conservación do noso patrimonio”. Segundo isto semella que existiría a vontade de facer no lugar unha zona de atraque para barcos inservibles.

Ben por estar metidos en preitos xudiciais e pendentes de sentenzas ou por estar avariados e varados nos peiraos ou destinados ó despezamento, estes barcos precisarían ser desaloxados do porto cara unha nova localización. Tamén segundo as novas recollidas polos xornais podería existir tamén unha vontade de implantar unha terminal de contedores no lugar.

A Ría de Vigo / foto amigoscc.es

Un apoio  unánime á iniciativa

Porén, e a pesares de todo, a asociación non se resigna ó seu desmantelamento. Por iso, e tal e como recollemos fai unhas semanas no noso xornal, iniciouse unha recollida de sinaturas na plataforma Change.org. Dende a súa publicación a Asociación non parou de recadar apoios entre institucións tan importantes como a Universidade de Santiago de Compostela, a Real Academia de Belas Artes ou a Associació do Museu de Ciència i da Tècnica i d´Arqueologia Industrial de Catalunya, entre moitas outras.

Tamén do propio consistorio e pleno de Redondela, onde se conseguiu unanimidade de todos os grupos políticos respecto da necesidade da conservación do cargadoiro, incluídos BNG, AER, PSdG e PP. Tamén por unanimidade esta cámara decidiu tempo atrás solicitar, tal e como se fixo, a Declaración de BIC do Lugar de Rande, que aínda non foi respostada.

Pode que che interese...